Solapas principales

Comezan os traballos de campo para a redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Ames

Lunes, 12 de abril de 2021

O Concello de Ames está traballando na redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Este servizo foi adxudicado á empresa IPLAN Movilidad SL por un importe de 58.499,87 euros. Esta semana comezan os traballos de campo para a redacción de dito plan. Estes traballos consistirán na realización dunhas 300 enquisas a usuarios/as do transporte público. Tamén se contabilizará o número de vehículos naquelas zonas do concello con maior volume de tráfico. Isto farase mediante a instalación de distintos tipos de aforos (con cámara e tubos pneumáticos). Dito documento servirá de guía para levar a cabo actuacións en materia de mellora do espazo público, medio ambiente, mobilidade e accesibilidade a realizar no futuro no municipio amesán. O contrato forma parte do programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público, recollido na EDUSI Impulsa Ames.

O Concello de Ames está inmerso na redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Este proxecto enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O servizo de redacción do PEMUS está incluído dentro do Obxectivo Temático 4 de Cambio climático, da EDUSI Impulsa Ames, dirixido a “Favorecer o paso a unha economía de baixo nivel de emisión de carbono en todos os sectores”. Concretamente enmárcase na liña de actuación número 4: programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público.

A redacción de dito Plan está sendo realizado pola empresa IPLAN Movilidad SL. Ao longo desta semana realizaranse diversos traballos de campo. Deste xeito, faranse enquisas aos/as usuarios/as do transporte público. O obxectivo é realizar arredor der 300 enquisas entres este martes 13 e mailo mércores 14 de abril.

As paradas de transporte público con máis usuarios/as son as situadas na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro (ida e volta); as paradas que se atopan ao carón da praza da Maía e da praza de Chavián, en Bertamiráns (ida e volta) e maila parada do parque empresarial Novo Milladoiro, que está situada na avenida do Muíño Vello (preto da rotonda de entrada ao parque empresarial). Estas son as paradas nas que se van realizar de xeito presencial as entrevistas de transporte público. Ademais, as paradas de Bertamiráns, parque empresarial Novo Milladoiro e do Milladoiro, son paradas da liña XG80714, que é a liña que conecta os núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns.

Enquisas a pé de rúa
As enquisas faranse o martes, 13 de abril, no Milladoiro, nas paradas situadas na avenida de Rosalía de Castro (na parada Milladoiro 1, preto da intersección coa rúa Cruxa, e na parada Milladoiro 2, preto da intersección coa rúa Figueiras). Ademais, faranse enquisas a pé de rúa na parada do parque empresarial Novo Milladoiro, que está situada na avenida do Muíño Vello (preto da rotonda de entrada ao parque empresarial).

O mércores, 14 de abril, faranse novas enquisas nas paradas situadas na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro, e nas paradas que están situadas a ambos marxes da avenida da Maía (ida e volta), que se atopan preto das prazas da Maía e de Chavián.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez explica que “para caracterizar a demanda de transporte público realizarase unha campaña de enquisas nas principais paradas de transporte público. O traballo de campo consistirá na realización dunha enquisa aos viaxeiros na que se preguntará sobre a orixe e o destino da viaxe, motivos deste, frecuencia, título de transporte utilizado, modos de acceso e dispersión, dispoñibilidade de vehículo, modo de realización da viaxe inversa, etc”.

Deste xeito, infórmase de que durante estes dous días haberá persoal da empresa IPLAN Movilidad SL nas paradas do Milladoiro e Bertamiráns para facer ditas enquisas. Dende o Concello de Ames solicítaselle á veciñanza amesá colaboración para participar nas enquisas a pé de rúa xa que axudarán a dispor dun Plan de Mobilidade real e máis efectivo para o conxunto dos veciños e veciñas de Ames.     

Control do volume do tráfico
Outro dos traballos que se realizará será o control de volume de tráfico mediante a instalación de aforos con cámara e con tubos pneumáticos. A través de cámara analizarase o volume de tráfico en dous puntos do Milladoiro; na rotonda da entrada ao Milladoiro (final da SC-20 e comezo da avenida de Rosalía de Castro) e na avenida de Rosalía de Castro (intersección coas rúas Cruxa e Figueiras). En Bertamiráns, o punto de aforo con cámara realizarase na avenida da Maía, na rotonda do núcleo urbano, onde conflúen as estradas AC-543 e AC-544.

Ademais, realizarase un control de volume de tráfico, a través de tubos pneumáticos de altas prestacións, para realizar estudos de tráfico de maneira fiable e exacta, nos seguintes lugares: O Milladoiro, na Travesía do Porto, en fronte á Casa da Cultura; en Bertamiráns, na AC-543, antes do Tremo (pouco despois da intersección coa Travesía do Pedregal); e na estrada provincial 0205, na rotonda do CEIP Agro do Muíño.  

A través destes traballos tratarase de ter un estudo detallado sobre a densidade de vehículos que circula por aqueles lugares do concello con maior volume de tráfico, para posteriormente incluír no PMUS distintas posibilidades a ter en conta para aliviar dito volume de tráfico e actuacións que se poderían levar a cabo con tal finalidade.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Encuestas a pie de rúa para dilucidar las necesidades de paradas de bus"

La Voz de Galicia: "Control de coches y 300 encuestas, primeros pasos del plan amiense de movilidad"

Lindeiros: "Primeiros pasos para o plan de mobilidade de Ames"

Faranse arredor de 300 enquisas a pé de rúa

Multimedia

  • Rotonda de acceso á localidade do Milladoiro
  • Rotonda de acceso á localidade do Milladoiro