Solapas principales

Comezan os obradoiros "Co galego gañas ti" sobre habilidades comunicativas e dinamización lingüística

Martes, 03 de octubre de 2017

[03-10-2017] “Co galego gañas ti” é o nome dos obradoiros de habilidades comunicativas e dinamización lingüística que se van a desenvolver, estes días, no Concello de Ames. Organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística, en colaboración coas concellarías de Educación e Deportes, están dirixidos ao monitorado dos comedores e das escolas e clubs deportivos de Ames. Ao comezo do primeiro dos obradoiros, que se celebrou hoxe, estivo presente o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, quen destacou a importancia destes obradoiros para a normalización e a promoción da lingua galega.


O primeiro dos obradoiros de habilidades comunicativas e dinamización lingüística comezou, hoxe, 3 de outubro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Co alumnado participante, estivo o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, quen expresou a importancia destes obradoiros á hora de estender e normalizar o galego, nos ámbitos do lecer e dos comedores. Deste xeito, o que se procura con eles é que o alumnado asistente adquira coñecementos e reflexione sobre actitudes e prexuízos existentes arredor do galego, avalíe posibles situacións e investigue diferentes novidades. Todo dunha maneira eminentemente práctica.

Entre os obxectivos destes obradoiros sobresaen a mellora da formación específica do monitorado deportivo e dos comedores de Ames neste eido, o fomento do uso do galego, a asociación da práctica deportiva e do lecer na escola coa utilización da lingua, a sensibilización do monitorado sobre a súa importancia como axentes normalizadores e a creación dunha rede de colaboración fluída entre os dous ámbitos. Alén diso, outro dos eixos centrais de “Co galego gañas ti” é o de proporcionar os coñecementos e as habilidades comunicativas necesarias, para o desenvolvemento do traballo como adestradora ou adestrador e monitora ou monitor, tanto das escolas deportivas como dos comedores. 

Os resto dos obradoiros desenvolveranse os días 4 e 5 de outubro, para o monitorado dos comedores, e o 7 e o 14 de outubro para o das escolas e clubs deportivos. A duración de cada un varía nunha hora; ambos comezan ás 10:00h, porén, rematan respectivamente ás 13:00h e as 14:00 horas. No total, participan destes obradoiros preto de 80 persoas.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames inicia obradoiros de habilidades comunicativas"
Ames Go: "Galego nos comedores e nas escolas deportivas"