Solapas principales

Comezan as emisións dos programas de Radio Cidadá

Martes, 05 de noviembre de 2019

A radio municipal de Ames comezou este luns, 4 de novembro, a emisión dos espazos radiofónicos que, enmarcados na terceira convocatoria de programas de Radio Cidadá, realizará a veciñanza nos próximos meses. En total, son 15 os programas que formarán parte da grella radiofónica ata o próximo mes de xuño. Neles, abordaranse temas tan diversos como a educación dos fillos e fillas, o patrimonio histórico e cultural do concello ou a divulgación de coñecementos culturais e musicais.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comunicación, pon e marcha por terceiro ano consecutivo os programas de Radio Cidadá, cos que a radio municipal abre ás súas portas á veciñanza amesá para facer o seu propio programa de radio. Presentáronse un total de 15  propostas, algunhas elaboradas por distintos colectivos e asociacións e outras firmadas por cidadáns particulares. Compre salientar que oito programas repiten en relación á primeira e segunda convocatoria: Miradas, Tangos de la Esquina Sur, Vivirmos nun mundo finito, De museo, Pais na Onda, A Arte como factor integrador, Palabras que refrescan, e Ondas Novas, que muda de nome a Radio Eladio, aínda que seguirá a ser un programa de entrevistas como na pasada edición. Son proxectos xa coñecidos pola audiencia de Ames Radio e consolidados na grella de emisión da emisora municipal.

Ademais, son sete as novas propostas incluidas nesta terceira convocatoria: Letromanías, coa que Xosé Antonio López Silva pretende achegar e analizar as novidades literarias e obras destacadas da literatura galega e universal; Fálame da túa terra, un espazo que ten a finalidade de dar a coñecer as diferentes culturas presentes en Ames e en Galicia; Un tiempo especial, con temas e reflexións baseados na Biblia; Tres en línea, unha proposta para divulgar dun xeito ameno coñecementos de cultura xeral e específicos; El Duende Cojo, onde a palabra será protagonista a través da literatura e a poesía; Las Carabelas del siglo XXI, co obxectivo de facilitar a integración do inmigrante á vida e cultura galega en xeral, e amesán en particular; e W-News, un programa deportivo con especial atención ao mundo da raqueta.

Periodicidade
Desta volta, serán tres programas xa clásicos dentro da grella de Ames Radio os que poderemos escoitar semanalmente: Vivirmos nun mundo finito, os luns ás 19:30 horas; Tangos de la Esquina Sur, os xoves ás 19:00 horas; e Pais na Onda, os venres ás 19:30 horas; ademais da nova incorporación aos programas semanais de Las Carabelas del S.XXI, que se emitirá todos os sábados ás 10:00 horas. A meirande parte dos programas serán quincenais, e alternarán as súas emisións en días e horarios compartidos. Así, os martes poderemos escoitar unha semana Fálame da túa terra, ás 19:00 horas, e Radio Eladio, ás 19:30 horas; e á seguinte Letromanías (aínda que este programa será mensual) Os mércores será a quenda para De Museo, unha semana ás 19:30 horas; e El Duende Cojo (19:00 horas) e Miradas (19:30 horas) á semana seguinte. Os venres será o turno de Tres en Línea, cada quince días ás 19:00 horas e, pola noite, a partir das 21:30 horas, alternarán as dúas semanas Palabras que refrescan e Un tiempo especial. Asemade, un luns de cada mes, a partir do día 11 de novembro, poderemos escoitar A arte como factor integrador ás 19:00 horas. O mesmo caso darase con W-News, os venres ás 18:30 horas.

radio cidadá

Multimedia

  • radio cidadá 1
  • radio cidadá 2
  • radio cidadá 3