- Tematica
O Centro Multifuncional do Milladoiro, recentemente estreado, acolleu esta mañá o curso “Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e corresponsabilidade familiar e doméstica”, enmarcado dentro do Programa Integrado de Emprego que os Concellos de Ames e Brión desenvolven conxuntamente desde o pasado mes de xaneiro. Dentro deste mesmo programa tamén se impartirán os cursos “Acollida extraescolar e ludotecas” e “Ocio inclusivo”. Ademais, a Concellaría de Mocidade vai a realizar neste espazo o curso de lingua de signos (LSE), que conta con 30 horas de duración, do 7 outubro ao 9 decembro; e as Concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social, impartirán os Obradoiros de acollemento lingüístico En galego, co teu acento!, do 13 de outubro ao 5 de novembro.
O Centro Multifuncional do Milladoiro, aberto desde o pasado sábado, comezou a súa actividade en canto a obradoiros e formacións. Deste xeito, no día de hoxe impartiuse o curso “Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e corresponsabilidade familiar e doméstica”, unha proposta enmarcada no Programa Integrado de Emprego dos concellos de Ames e Brión cunha duración total de 5 horas.
Dito programa integrado de emprego comezou a desenvolver as actividades no mes de xaneiro, unha vez rematado o proceso de selección das 100 persoas participantes, e rematará en outubro de 2026. Está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 220.000 euros e cofinanciado polos Concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe acadada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.
Ademais da formación de hoxe, o Centro Multifuncional tamén acollerá dous cursos correspondentes ao itinerario formativo do sector do Ocio e Tempo Libre. O primeiro será “Acollida extraescolar e ludotecas”, que se impartirá desde o 21 ata o 28 de setembro e ten como obxectivo capacitar ao alumnado para desenvolver tarefas de monitor/a especializado/a en ludotecas e actividades extraescolares dun modo eficiente. Ten unha duración de 30 horas.
En segundo lugar, impartirase o curso “Ocio inclusivo”, cunha duración de 35 horas. Este curso permitirá aprender a desenvolver actividades de ocio e tempo libre de xeito inclusivo, orientado a persoas con necesidades específicas de apoio externo. A formación arrancará o vindeiro mércores, 30 de setembro, e finalizará o xoves, 8 de outubro.
A concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz, explicou que “este novo espazo acollerá unha ampla variedade de cursos e actividades formativas co obxectivo de que a veciñanza de Ames se poida formar para atopar emprego, algo moi importante no día a día dunha persoa. Ao longo dos meses de setembro e outubro vanse impartir diferentes cursos do Programa Integrado de Emprego e actividades dirixidas á mocidade”.
Máis actividades formativas
Ademais das incluídas no Programa Integrado de Emprego, a Concellaría de Mocidade vai a realizar neste espazo o curso de lingua de signos (LSE), que conta con 30 horas de duración, do 7 outubro ao 9 decembro; e as Concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social, impartirán os Obradoiros de acollemento lingüístico En galego, co teu acento!, do 13 de outubro ao 5 de novembro.
Deste xeito, impartirase formación orientada á inserción: programación deseñada con especialidades de alta demanda laboral na nosa contorna; formación en sectores estratéxicos no noso concello como innovación, novas tecnoloxías, audiovisual, enerxías renovables, servizos socioculturais e á comunidade, turismo, loxística, etc. Tamén se impartirá formación transversal e en competencias e habilidades para a inserción laboral e inclusión social dos colectivos máis vulnerables; actividades para a mocidade e actividades de carácter cultural.







