- Tematica
Por quinto ano consecutivo, os Seráns de Ames volven a traer diferentes actividades musicais, teatrais e de circo ás parroquias do rural amesán para todos os públicos. Desta volta, incorpórase por primeira vez como sede dentro do programa o lugar de Cruxeiras, pertencente á parroquia de Ames. Ademais, repiten como sedes Tapia e Biduído. O programa deste ano, que inclúe catro propostas, está organizado polos departamento de Bibliotecas, Cultura e Mocidade. Os Seráns desenvolveranse os xoves, 9 e 16 de xullo e os xoves 13 e 27 de agosto. O programa comeza este xoves, 9 de xullo, ás 19.00 horas, na praia fluvial de Tapia co espectáculo de novo circo Enredos de Avela Circo. Este espectáculo está subvencionado polo programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.
A quinta edición dos Seráns de Ames xa está aquí, unha programación de verán que propón diferentes actividades polas parroquias do rural amesán. Como novidade, este ano estréanse como sede o lugar de Cruxeiras, repartindo así as catro actividades previstas, que terán lugar os xoves de xullo e agosto, nas parroquias de Tapia, Biduído e Ames.
A iniciativa, que orixinalmente naceu no 2021 como os Seráns de Tapia ofrecendo só espectáculos na praia fluvial de Tapia, foi medrando e trasladándose a outras parroquias do rural, apostando por diversificar as propostas culturais de Ames a diferentes localizacións do concello.
O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “este ano incorporamos o lugar de Cruxeiras ao programa dos Seráns de Ames. Nos últimos anos fomos levando esta iniciativa por distintas parroquias como Ortoño, Bugallido, Trasmonte, Covas e Agrón. Trátase de achegarlle as actividades que facemos no concello a todos os veciños e veciñas do rural. Os Seráns de Ames celebraranse dous xoves do mes de xullo e outros dous xoves do mes de agosto, alternando as propostas entre a praia fluvial de Tapia, o campo da festa de Biduído e o lugar de Cruxeiras”.
Espectáculo de circo Enredos
O programa comeza este xoves, 9 de xullo, ás 19.00 horas, na praia fluvial de Tapia co espectáculo de novo circo Enredos de Avela Circo. Trátase dunha montaxe para todos os públicos que ten unha duración 45 minutos. Está protagonizada Santiago Montero, un pallaso que herda unha centenaria empresa familiar. A dirección do espectáculo corre a cargo de Walter Velázquez. Este espectáculo está subvencionado polo programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.
Non sempre é fácil encaixar. É o primeiro día na fábrica, unha vella factoría que acaba de herdar do seu avó e que xa viviu épocas mellores. Coa ilusión do primeiro día comeza a súa xornada, pero pronto se dá de conta que as instalacións necesitan algo máis que uns amaños. A maquinaria oxidada, os engrenaxes desaxustados, as estruturas inestábeis, convértense no escenario perfecta para un sinfín de torpezas e inesperadas habilidades. Nun mundo dominado polas máquinas a arte do circo emerxe como unha forma de rebelión e liberdade.
Programación dos Seráns de Ames 2026
A programación continuará o xoves, 16 de xullo, ás 21.00 horas, no campo da festa de Biduído coa actuación musical dos grupos Glasgow15 e Del otro lado, dúas bandas que ensaian no local municipal A Factoría. Deste xeito, a Concellaría de Mocidade organiza esta xornada de música en directo con dúas bandas amesás co obxectivo de promocionar grupos emerxentes e darlles visibilidade.
No mes de agosto haberá outras dúas sesións dos Seráns de Ames, a primeira o xoves 13 de agosto, ás 21.00 horas, coa actuación das Maianas no lugar de Cruxeiras, pertencente á parroquia de Ames. A agrupación de cantareiras As Maianas, formado en Ames no 2007, destacan pola súa proposta con temas de composición propia nos que empregan sons e ritmos da música tradicional galega nos que se valen de instrumentos coma as pandeiretas, cunchas ou a propia percusión corporal.
Por último, como vén sendo habitual, a praia fluvial de Tapia tamén será o escenario escollido para pechar os Seráns de Ames. Nesta ocasión, a derradeira xornada do programa terá lugar o xoves 27 de agosto, ás 19.00 horas, con diversas actividades. Deste xeito, haberá contacontos, xogos populares, teatro e música tradicional a cargo da Asociación Cultural Retranqueiros.







