Solapas principales

Comeza a programación de outono das bibliotecas municipais con Contos con miga, de Migallas, e Contos con xeito, de Bea Campos

Lunes, 28 de septiembre de 2026

Esta semana, os días 29 e 30 de setembro, comeza a programación das bibliotecas municipais para os meses de outono con Contos con miga, de Migallas, e Contos con xeito, de Bea Campos. Durante os meses de setembro, outubro, novembro e decembro haberá obradoiros e sesións de narrativa oral para os máis pequenos, que se desenvolverán tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. Ademais, o 24 de outubro con motivo do Día da Biblioteca, entregaráselle aos usuarios/as das bibliotecas municipais, marcapáxinas cos debuxos dos gañadores da 1º e 2º categoría do V Concurso de debuxo infantil do Día do Libro.

Coa volta ás aulas e a chegada do outono, as bibliotecas municipais tamén retoman a súa programación habitual para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Por unha banda, hai propostas de animación á lectura para o público infantil de 2 a 8 anos, con contacontos, e por outra, tamén hai obradoiros para a rapazada que cursa desde 3º de primaria en diante.

O cartel con código QR, a través do que os usuarios e usuarias poden ir actualizando a información sobre estas actividades, leva impreso o debuxo das dúas gañadoras da 3ª categoría do concurso de debuxo infantil que as bibliotecas organizaron no mes de abril, para celebrar o Día do Libro. Os debuxo dos gañadores da 1ª e 2ª categoría poderán desfrutarse nos marcapáxinas cos que as bibliotecas agasallarán aos usuarios no Día da Biblioteca, o vindeiro 24 de outubro.

Para reservar praza nas sesións de animación á lectura, de aforo limitado, é preciso poñerse en contacto co departamento de Bibliotecas de Ames, a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. Por outra banda, pódese solicitar a inscrición falando directamente coa biblioteca á que se desexe asistir: para a biblioteca do Milladoiro, consultando no 981 53 08 07, e para a de Bertamiráns, chamando ao 981 88 48 29. 

Sesións de contacontos para crianzas de 3 a 8 anos
Este mes de setembro a programación inaugurarase cos contacontos de Migallas, Contos con Miga, o día 29 de na biblioteca de Bertamiráns; e con outra sesión de contos de Bea Campos, Contos con xeito, o día 30 na biblioteca do Milladoiro. Ademais, a partir do mes de outubro, como vén sendo habitual, as bibliotecas amesás celebrarán tres sesións de narrativa oral dirixidos a nenas e nenos de 3 a 8 anos. Serán sempre a partir das 17:30 horas, e realizaranse tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, en días distintos e con datas de inscrición independentes.

Deste xeito, en outubro realizaranse as sesións de Contos agarimosos, en Bertamiráns os días 13, 14 e 15, e no Milladoiro terán lugar os días 20, 21 e 22. Para o mes de novembro están previstas as sesións de Contos estraños, os días 10, 11 e 12 na biblioteca de Bertamiráns, e os días 17,18 e 19 na biblioteca do Milladoiro. Por último, no mes de decembro celebraranse as sesión de Un Nadal entre contos, os días 1, 2 e 3 en Bertamiráns, e os días 15, 16 e 17 no Milladoiro. Para participar nestas sesións de contos é necesario inscribirse previamente.

Obradoiros para a rapazada de 3º a 6º de primaria
Tamén en outubro comezarán os obradoiros creativos e lúdicos para os nenos e nenas que cursan desde 3º de primaria en diante, e que están pensados para conmemorar e traballar aquelas datas sinaladas no calendario do libro e da lectura. Así en outubro celebrarase o Día da Biblioteca cun obradoiro para iniciarse na técnica lettering, tamén coñecida como rotulación, que consiste en debuxar as letras ao mesmo tempo que se exercita o dominio da ortografía, amplíase o vocabulario, favorecendo a concentración e a relaxación.

En novembro celébrase o Mes da Ciencia en galego nas Bibliotecas e por iso, as bibliotecas municipais propoñen un obradoiro de robótica creativa onde os/as participantes aprenderán de forma lúdica conceptos básicos de programación, robótica e electrónica. Por último, no mes de decembro desenvolverase o tradicional obradoiro de manualidades de Nadal. Os/as participantes en todos estes obradoiros levarán sempre o resultado do seu traballo para a casa e así poder compartir coas familias as súas creacións. Para participar nos obradoiros tamén é necesario inscribirse previamente.

Campaña Superlectores
Por outro lado, o departamento de Bibliotecas puxo en marcha un ano máis a iniciativa “Superlectores”, que acadou un gran éxito en edicións anteriores. Coa campaña, as bibliotecas municipais buscan poñer en valor ao seu público máis fiel, ao tempo que presentan o seu fondo ás persoas que aínda que non o coñecen.

“Superlectores” diríxese tanto ao público infantil como aos adultos. Polo tanto, establécense tamén dúas categorías (unha para persoas menores de 14 anos e outra para maiores de 14 anos). Cada usuario e usuaria poderá conseguir unha tarxeta de Superlector ou Superlectora (de cor branca para a categoría infantil e de cor laranxa para a categoría de adultos), solicitándoa nas instalacións das bibliotecas municipais.

Os/as usuarios/as irán recibindo un selo por cada préstamo que soliciten nas bibliotecas amesás. O derradeiro día no que se selarán tarxetas será o 13 de outubro. Unha vez cheas, as tarxetas recolleranse para así entrar no sorteo dun lote de libros, que se entregará o sábado 24 de outubro con motivo do Día da Biblioteca.

Ademais, o 24 de outubro con motivo do Día da Biblioteca, entregaráselle aos usuarios/as das bibliotecas municipais, marcapáxinas cos debuxos dos gañadores da 1º e 2º categoría do V Concurso de debuxo infantil do Día do Libro.

Comeza a programación de outono das bibliotecas municipais con Contos con miga, de Migallas, e Contos con xeito, de Bea Campos

Multimedia

  • Comeza a programación de outono das bibliotecas municipais con Contos con miga, de Migallas, e Contos con xeito, de Bea Campos