Solapas principales

Comeza o programa musical “O domingo á tarde” cun concerto de Javier Constenla e Pilar Martínez

Viernes, 12 de marzo de 2021

Este domingo bota a andar o programa musical O domingo á tarde, unha nova iniciativa da Concellería de Cultura. Trátase dun programa musical no que van participar artistas locais de Ames. Cada domingo, ás 20:00 horas, unha banda musical tocará en rigoroso directo en liña. Este domingo, 14 de marzo, estrearase o programa coa actuación de Javier Constenla e Pilar Martínez, cun repertorio selecto de clásicos do Jazz. O próximo domingo 21 de marzo, o espectáculo correrá a cargo do grupo de mozos Battosai, que veñen recentemente de ser premiados no Xuventude Crea. Rematarase o domingo 28 co grupo de pandereteiras As Maianas. Para ver ditas actuacións hai que acceder a esta canle de YouTube.

A situación actual está a restrinxir as posibilidades de actuacións musicais ao vivo. Con todo, a demanda de contidos musicais segue intacta, e así o demostra o incremento de consumo en liña. Neste contexto, son contadas as ocasións nas que se pode atopar un contido musical dixital cun bo soporte e calidade técnica, sobre todo se falamos de concertos ao vivo.

Dende o primeiro momento no que a pandemia chegou, a Concellería de Cultura apostou por programar sempre que se poida, e reprogramar cando non sexa posible. Partindo desta idea, o departamento de Cultura pon en marcha O domingo á tarde, un proxecto ambicioso, con idea de darlle continuidade. Trátase dunha proposta para desenvolver unha programación musical en liña, que sirva como plataforma para mostrar, apoiar e reunir aos grupos locais, de xeito que se combinen propostas minoritarias con outras xa coñecidas e maioritarias.

O programa terá un formato semanal. Cada domingo, ás 20:00h, unha banda musical tocará en rigoroso directo en liña. Cada concerto estará introducido e presentado por Adrián Cunha, fotógrafo, realizador e presentador relacionado co mundo do espectáculo, tanto no eido familiar como profesional. O presentador nos previos á actuación, manterá unha breve entrevista informal cos artistas a través dun chat que estará activo antes, durante e despois do concerto. Todos as actuacións realizaranse no estudio de gravación A Ponte e estarán dirixidas por Tomás Ageitos.

Comézase con tres propostas de estilos diferentes pero todas lideradas por veciños e veciñas de Ames. O domingo á tarde, estrearase este domingo, 14 de marzo, coa actuación de Javier Constenla e Pilar Martínez, que ofrecerán un repertorio selecto de clásicos do Jazz. O próximo domingo, 21 de marzo, o espectáculo correrá a cargo do grupo de mozos Battosai, que veñen recentemente de ser premiados no Xuventude Crea. Rematarase o domingo, 28 de marzo, coas pandereteiras Ás Maianas.

Para ver ditas actuacións hai que acceder a esta canle de YouTube. Tamén se pode seguir a través de Facebook, Twitter, Instagram e Linktree.

“O domingo á tarde”