Solapas principales

Comeza o programa Ames Emprega e Integra cun acto de presentación e un obradoiro formativo no Milladoiro

Martes, 30 de mayo de 2023

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este xoves, 1 de xuño, ás 11.00 horas, a presentación do programa “Ames Emprega e Integra”. Trátase dun programa de inserción laboral para colectivos desfavorecidos do concello de Ames, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE), financiado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER). Dito programa está previsto que se execute ao longo de seis meses, entre xuño e novembro deste ano. A presentación contará con dúas partes diferenciadas. Na primeira farase unha acto de presentación institucional no que intervirán o alcalde e maila concelleira de Promoción Económica en funcións, así como os técnicos municipais de inserción laboral. Tras a presentación, impartirase o primeiro taller informativo do programa: “Convertendo desafíos en oportunidades”, que será impartido por María Negredo (formadora, asesora de emprego e coach).

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos que se vai executar é o programa Ames Emprega e Integra, que está dirixido a colectivos desfavorecidos do concello de Ames. Un dos ámbitos prioritarios de intervención do Concello de Ames é poñer en marcha actuacións en materia de prevención, detección e intervención da exclusión social.

Neste senso, o Concello de Ames decidiu poñer en marcha un programa de inserción laboral que responda ás actuais demandas sociais de dar cobertura a unha oferta formativa que incremente o índice de inserción laboral e social no municipio, como requisito imprescindible para poder fixar poboación no mesmo, axustándose aos intereses e necesidades dos colectivos ao que se dirixe e fomentando a cohesión social, a loita efectiva contra a discriminación e a erradicación da pobreza.

O programa de inserción laboral deriva dun estudo previo onde se determinaron os colectivos desfavorecidos prioritarios, así como as súas demandas específicas de formación, acompañamento e práctica laboral, sendo unha das liñas de actuación con maior e máis inmediato efecto na reinserción laboral e que precisa dunha atención diferenciada das actuacións que en materia de políticas activa de emprego xa emprende o Concello.

Acto de presentación
O programa comeza este xoves, 1 de xuño, ás 11.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro cun acto de presentación do programa no que participarán Ana Belén  Paz, concelleira en funcións encargada do programa; Pablo Bello e María Lloves, técnicos municipais de inserción laboral; e Blas García, alcalde de Ames en funcións. Tras a presentación, impartirase o primeiro taller informativo do programa: “Convertendo desafíos en oportunidades”, que será impartido por María Negredo (formadora, asesora de emprego e coach).

O obxectivo de dita iniciativa é a inserción laboral das persoas participantes ou a mellora da sua empregabilidade. Levarase a cabo mediante a execución dun programa de inserción laboral derivado dun estudio realizado previamente que determinou os colectivos desfavorecidos e as súas demandas específicas de formación, acompañamento e practica laboral.

O programa está dirixido prioritariamente a persoas mozas (menores de 30 anos), con particular atención a aqueles con déficit de formación, mulleres, parados de longa duración, maiores de 45 anos, persoas con responsabilidades familiares non compartidas, persoas con discapacidade, persoas en situación de exclusión social e persoas inmigrantes. Para participar é necesario residir no concello de Ames, ser demandante de emprego e estar nunha situación de busca activa de emprego.

Stand informativo
Para informar sobre o programa á veciñanza amesá, instalouse hoxe un stand informativo no Milladoiro que estivo durante a mañá no cruce das rúas Agro do Medio e Pardiñeiros. Pola tarde estará na Travesía do Porto ou dentro do centro comercial Novo Milladoiro, dependendo de se chove ou non. Durante a xornada de mañá mércores o stand informativo estará na localidade de Bertamiráns. Colocarase  no cruce das avenidas da Maía e da Peregrina e na contorna da Casa da Cultura de Bertamiráns. O obxectivo é captar novos/as usuarios que estean interesados/as no programa.   

O programa ten como ámbito territorial a totalidade do concello de Ames, priorizando os núcleos poboacionais do Milladoiro e de Bertamiráns como eixos presenciais do programa. As actividades do programa  comezaron coa captación de participantes ao longo do mes de maio e desenvolverase ata novembro deste ano.

Actividades a executar
1.-Orientación e asesoramento individualizado para a inserción socio laboral: itinerario formativo a realizar en función do perfil individual co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas participantes.
2.-Formación transversal: preparar as persoas participantes en habilidades socio laborais e no proceso de busca de emprego, tanto por conta allea como por conta propia. Tamén se proporcionara as persoas que o necesiten unha formación básica en galego, competencias clave e preparación das probas da ESO.
3.-Formación sectorial: inclúense accións formativas e prácticas non laborais nos sectores nos que se detectaron maiores oportunidades de crecemento e creación de emprego. Colaboración co tecido empresarial do concello para buscar acordos para a realización de prácticas e a intermediación laboral.
4.-Plataforma de formación ocupacional en liña: que incluirá un catalogo de accións formativas que conte con, polo menos, 13 familias profesionais (as determinadas no programa) e un mínimo de 10 cursos de cada familia.
5.-Intermediación / prospección: para a procura de ofertas de emprego acordes ao perfil das persoas participantes, así como para a colaboración do tecido empresarial para a realización das prácticas.
6.- Evento final de presentación de resultados.

As accións do programa executaranse nas instalacións do centro coworking A Proa (O Milladoiro), Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames (Aldea Nova), no Pazo da Peregrina (Bertamiráns) e noutros espazos municipais.

Procedemento para inscribirse
As inscricións pódense realizar chamando ao número de teléfono 674 594 843, enviando un correo electrónico ao enderezo ames.integra.emprega@gmail.com ou a través da páxina web de Ames Integra e Emprega.

A estratexia proposta co programa de inserción laboral de colectivos desfavorecidos no concello de Ames pon o foco de atención na necesidade de dotar ás persoas, especialmente poboación feminina e inmigrante, mocidade sen cualificación, e parados de longa duración en situación de desemprego, en procura de primeiro emprego ou en procesos de mellora de emprego, das competencias transversais/horizontais e competencias profesionais necesarias para poder consolidarse no mercado laboral, atendendo ás competencias en materia de tecnoloxías da información e comunicación.

Resultados que se pretenden alcanzar
Os resultados esperados que se pretenden alcanzar co presente servizo son:
• Integración social e laboral de persoas desempregadas, con especial atención a inmigrantes, mulleres e poboación moza.
• Incremento do índice de inserción laboral e social no municipio como requisito imprescindible para poder fixar poboación no mesmo.
• Fomento da competitividade e inclusión social, así como da igualdade entre homes e mulleres.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Presentación del nuevo programa de empleabilidad e integración este jueves en Milladoiro"

AMS GO!: "Ames lanza un programa de emprego para combater a exclusión social"

Imaxe do stand informativo no Milladoiro

Multimedia

  • Cartel do programa Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do stand informativo no Milladoiro