Solapas principales

Comeza o prazo para inscribirse no obradoiro gastroliterario Cociñando con Bolboretas no bandullo

Jueves, 04 de abril de 2019

O Servizo de Normalización Lingüística pon en marcha un obradoiro gastroliterario o vindeiro xoves, ao abeiro do programa Apego. Mediante esta actividade, preténdese converter a cociña nun espazo lúdico de encontro entre a xente máis miúda e as súas familias. A actividade realizarase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns en dúas quendas, a primeira das cales comezará ás 17.00h, mentres que a segunda será ás 18.30h. O prazo para inscribirse estará aberto ata o día 10 de abril.

equipo de Bolboretas no bandullo chega a Ames o próximo 11 de abril para impartir un obradoiro de cociña dirixido a familias con cativos e cativas a partir de tres anos. A través desta actividade buscarase fortalecer as conexións persoais mediante un elemento tan identitario da nosa cultura como é a cociña. Así, cada familia poderá compartir a súa propia tradición e coñecementos cos demais participantes co fin de poñer en común todas as posibilidades das distintas receitas.

Durante ambas sesións, tentaranse elaborar un par de pratos seguindo todos os pasos de principio a fin, ben en grupo ou de forma individual. Durante a elaboración, as protagonistas serán as pequenas e pequenos, que contarán coa colaboración e asistencias dos seus acompañantes.

Sen embargo, posto que se trata dun obradoiro gastroliterario, a cociña non será o único tema central. A literatura e a tradición oral servirán como eixo vertebrador, que estará presente a través da transmisión de contos populares durante a elaboración das receitas. Así, procurarase ocupar un tempo de lecer que deixe pouso, que provoque afán creador e amor pola cultura e pola cociña en conxunto.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando a sesión escollida, o nome e os apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un número de contacto. O prazo de inscrición remata o vindeiro 10 de abril. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215.

O programa Apego
Esta actividade enmárcase dentro do programa do Apego, que é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 100 familias adheridas.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal.

Ligazóns

Comeza o prazo para inscribirse no obradoiro gastroliterario Cociñando con Bolboretas no bandullo

Multimedia

  • Comeza o prazo para inscribirse no obradoiro gastroliterario Cociñando con Bolboretas no bandullo