Solapas principales

Comeza o itinerario formativo de ocio e tempo libre do programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2021-2022

Sábado, 04 de junio de 2022

O programa Integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión, que se desenvolverá até o vindeiro mes de novembro de 2022, está subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 243.316,35 euros e confinanciado polos Concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados. A semana pasada 15 persoas participantes no programa comezaron a formación para o emprego do ámbito do ocio e o tempo libre.

Un grupo de 15 persoas, que están participando no programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2021-2022, comezaron a semana pasada o curso homologado pola Xunta de Galicia de monitorado de actividades de ocio e tempo libre (200 horas teóricas e 150 horas de prácticas non laborais), que forma parte do itinerario de ocio e tempo libre do programa integrado de emprego. O alumnado xa realizou a formación transversal en técnicas básicas de primeiros auxilios (10 horas) e de manipulador de alimentos (10 horas).

Este é un dos itinerarios formativos con máis éxito de persoas participantes e de insercións laborais dos últimos programas levados a cabo. Completarase despois do verán con formación especializada en ocio inclusivo (35 horas), dinamización de espazos de ocio infantil (10 horas) e monitor de comedor e acompañante de transporte escolar (60 horas teóricas e 25 horas de prácticas non laborais).

Outras actividades

Por outra banda, mentres se poñen en marcha o resto de itinerarios formativos (actividades de comercio; almacenaxe e xestión de stocks; limpeza; turismo; novas tecnoloxías…), as persoas participante xa poden realizar actividades formativas en liña grazas á plataforma de teleformación na que se dispón dun catálogo de 240 cursos de diferentes sectores e familias profesionais.

Inserción laboral

En relación ao obxectivo final do programa en canto á inserción laboral, cómpre salientar que neste momento, 34 participantes do programa xa están traballando en diferentes sectores (hostalaría, lavandería, educación, limpeza, atención sociosanitaria, tempo libre, comercio....), polo que se estima que nesta edición tamén se superará o obxectivo inicial fixado do 40% das persoas participantes.

Prazas vacantes

Nesta edición, as persoas participantes encádranse nos perfís de persoas menores de 30 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión e cunha cualificación máxima de bacharelato; e mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión. Se cumpres os requisitos e queres participar no programa podes apuntarte cubrindo o cuestionario dispoñible a través do seguinte enlace e chamarémoste no caso de producirse unha baixa dalgunha das persoas participantes.

Bolsas e axudas á conciliación

Ademais as persoas que participan no programa integrado de emprego Ames-Brión teñen dereito a unha bolsa de 7 € ao día de asistencia ás diversas accións do programa. Tamén están a disposición das persoas participantes axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Estas axudas están destinadas a cubrir os gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes.

O programa desenvólvese no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames (rúa Costaneira, 2 - Urbanización de Aldea Nova, Ames). Pódese solicitar máis información enviando un correo electrónico ao enderezo inseramesbrion@gmail.com ou chamando aos números de teléfono 608 459 678 (María Lloves) e 663 771 876 (Pablo Bello).

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, destaca o bo funcionamento que está tendo un ano máis este programa de emprego, que se desenvolve de forma conxunta entre os Concellos de Ames e Brión. “Na edición actual xa temos a 34 participantes traballando en diferentes sectores como a hostalaría, lavandería, educación, limpeza, atención sociosanitaria, tempo libre e comercio. Isto é unha moi boa nova porque de aquí a novembro, momento no que remata a edición 2021-2022 do programa, agardamos superar o 40% de insercións laborais dos/as participantes”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Inician el curso de tiempo libre y ocio del programa integrado de empleo de Ames y Brión"

Comeza o itinerario formativo de ocio e tempo libre do programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2021-2022

Multimedia

  • Comeza o itinerario formativo de ocio e tempo libre do programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2021-2022