Solapas principales

Comeza nos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro o programa de reforzo educativo

Martes, 21 de enero de 2020

A Concellería de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), organiza unha nova edición do programa de reforzo educativo nos institutos do concello de Ames. Esta iniciativa, que está dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO, desenvolverase os mércores no IES do Milladoiro e os xoves no IES de Ames, en Bertamiráns, en horario de 16:30 a 18:30 horas. Mentres que no IES de Ames xa deu comezo o programa o pasado xoves 16 de xaneiro, no IES do Milladoiro empezará este mércores 22 de xaneiro. No IES do Milladoiro aínda quedan prazas libres, polo que o alumnado interesado pode cubrir o formulario de inscrición e dirixirse á orientadora do centro.

A actividade de reforzo educativo xa deu comezo no IES de Ames, en Bertamiráns, mentres que no IES do Milladoiro comeza este mércores 22 de xaneiro. En total impartiranse cada semana catro horas de formación en cada centro, a cargo de dúas docentes, divididas por cursos (1º e 2º da ESO) e por áreas formativas.

Os alumnos e alumnas poderán escoller entre asistir ás aulas de competencias básicas na área de letras ou ás de ciencias. Tamén poden asistir ás dúas áreas xa que son consecutivas, se o consideran necesario. Os horarios de cada competencia son alternos segundo os alumnos e alumnas sexan do primeiro ou do segundo ano, de 16:30 a 17:30 ou de 17:30 a 18:30 horas. A cada hora de reforzo educativo poden asistir ata 12 alumnos ou alumnas.

Esta actividade destínase a dous dos cursos do primeiro ciclo da ESO, xa que o seu alumnado soe ser un dos colectivos con maior demanda de formación. Dende a Concellería de Mocidade inciden na importancia de acompañar aos e ás estudantes no paso da educación primaria á secundaria. Así mesmo destacan que é fundamental establecer, ao longo desta etapa de adaptación, uns hábitos de traballo, un seguimento e un ritmo diario nos estudos, buscando ademais prever comportamentos relacionados co fracaso ou o abandono escolar.

Fomento da comprensión das ideas adquiridas nos centros
As clases estrutúranse seguindo o método de "aprender facendo", evitando que sexan unha extensión das clases regulares. Con elas quérese fomentar a comprensión das ideas adquiridas nos centros de secundaria a través da práctica dos contidos traballados nas aulas.

As actividades de reforzo foron ideadas para completar lagoas de coñecemento, repasar contidos concretos traballados en clase ou, naqueles casos nos que os alumnos ou alumnas o requiran, facilitar a recuperación de destrezas instrumentais básicas que dificultan ou mesmo imposibilitan ao alumnado atender o desenvolvemento ordinario das clases nos institutos.

O programa desenvolverase ata o próximo 13 de xuño, exceptuando os días festivos. Aínda quedan prazas libres no IES do Milladoiro, polo que os/as interesados/as no programa poden cubrir o formulario de inscrición e poñerse en contacto co departamento de orientación do centro educativo. Para máis información pódese enviar un correo electrónico a omix@concellodeames.gal ou chamar ao número 616 083 229.

Programa de reforzo educativo