Solapas principales

Comeza no Concello de Ames o obradoiro dual de emprego en enerxías renovables

Martes, 19 de octubre de 2021

Os Concellos de Ames e Brión están desenvolvendo o obradoiro dual de emprego Renova IV  en que participan 20 alumnos/as traballadores/as. O alcalde de Ames, Blas García e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, visitaron, esta mañá aos 20 alumnos/as deste novo obradoiro dual de emprego. Durante 9 meses os traballadores/as recibirán formación específica sobre o certificado de profesionalidade oficial de Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas, que conta con 1440 horas de duración.

Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego en que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.

Este obradoiro está sufragado pola Consellería de Economía Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia cunha inversión de 346.946 euros, e con achegas municipais dos Concellos de Ames e Brión por valor de 87.696 euros. O Renova IV vai formar entre os meses de outubro e xullo a 20 alumnos/as, concretamente quince alumnos do Concello de Ames e cinco alumnos do Concello de Brión. Durante nove meses os participantes recibirán formación na especialidade Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas , que conta con 1440 horas de duración.

Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realiza traballos de interese municipal. Neste caso van realizar un total de doce actuacións nos Concellos de Ames e Brión, sendo catro delas obras novas e oito mantementos. Entre as obras a realizar destaca a instalación fotovoltaica na EDAR do Milladoiro, unha instalación de aerotérmica na EDAR da Ameixenda e a instalación aerotérmica e fotovoltaica no Centro Social Polivalente de Brión.

En canto ao mantemento traballarán, entre outras, na instalación fotovoltaica do Pavillón Deportivo de Brión, na dos campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, na do Pavillón de Bertamiráns ou na da Casa de Cultura do Milladoiro.

O obradoiro conta, ademais, con 15000 euros en incentivos para a contratación do alumnado. Estes incentivos son axudas de 1500 euros por alumno que se concede ás empresas que contraten durante a lo menos 3 meses aos alumnos do obradoiro. O número de axudas é de 10.

Ata o Centro de Formación de Aldea Nova achegáronse, esta mañá, o alcalde de Ames; Blas García; o alcalde de Brión, Pablo Lago; a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Paz e a concelleira de Emprego do Concello de Brión, María Guarina para coñecer ao alumnado e ao profesorado do Renova IV.

Os mandatarios municipais animaron ao alumnado a aproveitar este curso que conta cunha gran demanda laboral. O alcalde de Ames, Blas García, manifestou “animamos ao alumnado a tomar este curso con moito interese pois é un curso cunha gran saída laboral. O anterior obradoiro de renovables conseguiu preto do 100% de inserción laboral e arestora estamos notando moito interese por parte de empresas no inicio desta nova edición, pois é un sector moi demandado”.

Programas integrados de emprego
O percorrido proseguiu coa visita aos programas integrados de emprego que se están a impartir no Centro de Formación de Aldea Nova. Neste programa participan 100 mulleres desempregadas, dos concellos de Ames e Brión. Este é a décimo terceira edición de dito programa integrado que tivo moi bos resultados de inserción en todas as súas edicións. O programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2021 está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 213.599,74 € e cofinanciado polos Concellos de Ames e Brión.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou “aproveitamos para visitar os cursos dos programas integrados de emprego que se están realizando no Concello. Estes cursos acadaron unha inserción laboral de preto do 50%. Un dato co que estamos moi satisfeitos pois o principal que se busca dende o Concello de Ames coa realización destes cursos é a integración laboral”.

Formación para o emprego
O obxectivo dos Programas integrados de empergo é a inserción laboral das persoas participantes ou, cando menos, a mellora da súa empregabilidade, a través da realización de diversos tipos de accións (titorías individuais, formación, prácticas...) e adaptando o seu “itinerario” en función dos perfís individuais e as súas expectativas.

O Programa deu comezo o 9 de novembro de 2020 e rematará a súa actividade o próximo 8 de novembro de 2021 cunha porcentaxe de inserción laboral superior ao 45% das mulleres participantes.

O programa aposta fortemente pola realización de prácticas non laborais en empresas como unha das medidas con mellores resultados para a inserción laboral. Así, no que levamos  executado do programa 46 participantes desenvolveron ou están desenvolvendo a súa actividade de prácticas froito da sinatura de 16 convenios de colaboración para a realización de prácticas dos cursos de “Operacións básicas de comercio”, “Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais e arranxo de habitacións en hoteis”, “Monitorado de ocio e tempo libre”, “Monitorado de comedor escolar e transporte” e “Información turística e atención ao cliente en recepción” en diferentes empresas da comarca pertencentes a distintos sectores de actividade como son o comercio (deporte, decoración...), supermercados e hipermercados, ocio infantil, establecementos hoteleiros, empresas de limpeza, etc.

Actualmente estanse a levar a cabo varias accións formativas no Centro de Formación e Emprego do concello de Ames: Atención a persoas dependentes en domicilio, Auxiliar de información en eventos e Ofimática.  

Destacar que tamén se está a realizar o Certificado de profesionalidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSCS0208), que se imparte en modalidade de teleformación, coas sesións presenciais que marca a normativa, no que están a participar 12 persoas. Este certificado habilitaraas para traballar en centros de día, residencias de maiores, etc., un dos sectores con máis demanda de emprego nos últimos tempos. Ao remate da parte formativa realizarán as prácticas correspondentes.    

As seguintes actividades a realizar no centro de formación son os cursos presenciais de “Competencias clave nivel 2”, “Inglés para o sector turístico” e os obradoiros finais de “Comunicación e Elevator pitch”, “Entrevistas de traballo” e “Gamificación ou xogo serio para a selección de persoal”.

Paralelamente seguirá a teleformación a través da plataforma de formación en liña da que dispón o programa cun catálogo de máis de 200 cursos clasificados por familias profesionais coa flexiblidade que implica esta modalidade e as titorías individuais que ser realizan ao longo de todo o programa.

Comeza no Concello de Ames o obradoiro dual de emprego en enerxías renovables

Multimedia

  • Comeza no Concello de Ames o obradoiro dual de emprego en enerxías renovables
  • Comeza no Concello de Ames o obradoiro dual de emprego en enerxías renovables
  • Comeza no Concello de Ames o obradoiro dual de emprego en enerxías renovables
  • Comeza no Concello de Ames o obradoiro dual de emprego en enerxías renovables
  • Comeza no Concello de Ames o obradoiro dual de emprego en enerxías renovables
  • Comeza no Concello de Ames o obradoiro dual de emprego en enerxías renovables
  • Comeza no Concello de Ames o obradoiro dual de emprego en enerxías renovables
  • Comeza no Concello de Ames o obradoiro dual de emprego en enerxías renovables