Solapas principales

Comeza hoxe a semana de portas abertas do Pazo de Xelmírez en Santiago de Compostela

Lunes, 01 de febrero de 2016

[01-02-2016] O departamento de Turismo do Concello de Ames informa aos veciños e veciñas amesáns de que a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, o Arcebispado de Santiago e a Fundación Catedral organizan sete xornadas de portas abertas no Pazo de Xelmírez. Rematadas as últimas obras executadas na antiga sede episcopal compostelá o edificio, cuxa construción comezaba no século XII, recibirá dende hoxe, luns 1, ata o domingo 7 de febreiro, aos visitantes gratuitamente. O horario de visita é de 10:00 a 20:00 horas.

Aqueles e aquelas que teñan interese en coñecer un pouco máis a fondo a historia deste edificio poderán formar parte dunha das visitas guiadas que se levarán a cabo ao longo da semana. Os grupos deberán estar formados por un máximo de 25 persoas. Realizaranse dúas visitas guiadas ao día: a primeira ás 10:00 horas e a segunda as 18:00. Para participar nunha destas visitas, tamén de balde, si será precisa a reserva previa, chamando ao teléfono 981 55 29 85.

O Pazo de Xelmírez forma parte, a día de hoxe, do Museo da Catedral. Foi o arcebispo Diego Xelmírez quen lle deu vida e nome e, tras el, arcebispos como Lope de Mendoza ou Alonso III de Fonseca encargaron a súa ampliación e as reformas que nel se levaron a cabo. Daquel primeiro edificio resistirían tan só as portas que o ligan coa basílica: a Porta de Gramáticos, a Porta da Torre e a porta da tribuna.

O aceso ao pazo atópase na Praza do Obradoiro, centro neurálxico do casco vello compostelán. Trala súa porta principal agóchase un pórtico románico que a fachada construída do século XVIII apartou da vista dos paseantes. A cociña medieval da segunda planta ou o salón de festas e comidas construída no século XIII son algúns dos detalles máis destacables que ofrece ao visitante o Pazo de Xelmírez.