Solapas principales

Comeza a funcionar o servizo de conservación e mantemento das áreas de xogo infantís e de elementos biosaudables

Sábado, 12 de noviembre de 2022

A mediados do pasado mes de outubro comezou a funcionar o servizo de conservación, mantemento, reparación e xestión da seguridade das áreas de xogo infantís e biosaudables do concello de Ames. O contrato foi adxudicado o pasado 15 de setembro á empresa Jardineria Arce SL por un importe total de 194.123 euros. O contrato terá unha duración de dous anos podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos. O servizo está dividido en dúas partes. A primeira inclúe 11 parques de xogos infantís situados en centros educativos, mentres que na segunda están recollidos 31 parques de xogos infantís e 9 parques de elementos biosaudables que están situados en áreas públicas municipais.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, vén de poñer en marcha un servizo de conservación, mantemento, reparación e xestión da seguridade das áreas de xogo infantís e biosaudables do concello de Ames. Este programa está destinado a manter 11 parques de xogos infantís situados en centros educativos, así como 31 parques de xogos infantís e 9 parques de elementos biosaudables que están situados en áreas públicas municipais.

Dito servizo foi adxudicado o pasado 15 de setembro á empresa Jardineria Arce SL por un importe total de 194.123,88 euros (IVE incluído). O contrato terá unha duración de dous anos podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos. O primeiro lote do contrato que recolle o mantemento e conservación dos parques de xogos infantís situados en centros educativos foi adxudicado por 55.540,40 euros, mentres que o  segundo lote que atinxe ao servizo  de mantemento de parques infantís e parques de elementos biosaudables situados en espazos públicos municipais adxudicouse por un importe de 138.583,48 euros.

Esta semana o alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mantivo unha xuntanza con persoal da empresa adxudicataria, Jardineria Arce SL, para coñecer como está se están realizando os traballos de mantemento e conservación durante as primeiras semanas de prestación do servizo. O rexedor municipal explica que “o noso concello ten un elevado número de parques infantís, que necesitan atención constante e continuada para preservar a seguridade dos e das máis pequenas, por iso decidimos facer esta aposta para que o mantemento e o control sexa eficiente”.

Características do contrato
Con periodicidade semanal, deberanse revisar todas e cada unha das áreas de xogo e biosaudables incluídas no contrato. O obxectivo de ditas inspeccións é detectar calquera incidencia ou anomalía e proceder a realizar as reparacións que sexan necesarias. No momento da detección da anomalía procederase ao precintado e clausura temporal do elemento de xogo/biosaudable para impedir o seu uso e evitar accidentes.

Por outra banda, a empresa adxudicataria ten a obriga de realizar inspeccións máis detalladas con carácter trimestral, para comprobar o funcionamento e estabilidade de cada un dos elementos das área de xogo/biosaudables, na que se prestará unha especial atención ás zonas de ancoraxe e cimentación, sendo o seu obxectivo comprobar o funcionamento e a estabilidade dos xogos ou equipos e observar o estado de desgaste das pexas ou compoñentes.

Con carácter anual deberase contratar a unha empresa acreditada por ENAC, a cal inspeccionará todas as áreas de xogo e emitirá as certificacións correspondentes. Ademais destes traballos, deberá executar traballos preventivos para manter a vida útil dos elementos da área de xogos e biosaudables, e correctivos para a reparación das incidencias detectadas.

Tamén se inclúe no contrato a limpeza das áreas de xogo, a reparación e conservación dos carteis informativos e peches perimetrais, e maila reparación e conservación das zonas de absorción de impactos e pavimentos de seguridade (zonas de area, zona de grava, pavimentos de lousas de caucho, pavimentos de caucho continuo, e outros tipo de pavimentos de seguridade).

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Ames pon en marcha o servizo de mantemento das áreas de xogo infantís e de elementos biosaludables"

Imaxe da visita ao parque do Ameneiral, en Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe da visita ao parque do Ameneiral, en Bertamiráns
  • Imaxe da visita ao parque do Ameneiral, en Bertamiráns
  • Imaxe do parque infantil da rúa das Pesqueiras, en Bertamiráns
  • Parque de elementos biosaudables da rúa das Pesqueiras, en Bertamiráns