[17-06-2016] Estes días clausurouse o curso de español para estranxeiros en Bertamiráns e no Milladoiro. A dito acto acudiron a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, e maila concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo. Este curso desenvolveuse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Polo tanto, organizáronse dous grupos no que participaron un total de 35 alumnos/as. A través desta actividade os participantes puideron iniciarse no español ou perfeccionar os seus coñecementos neste idioma. As clases foron impartidas pola profesora voluntaria Merche Bellet, no Milladoiro, e por Matilde Fernández, en Bertamiráns.
Este obradoiro organízase co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen vivir ou traballar ao concello dende outros países estranxeiros. Así, poden aprender o básico da lingua castelá, para que lles sexa máis fácil integrarse na nosa comunidade. As clases impartíronse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Houbo dous grupos, un en cada localidade cun total de 35 alumnos/as.
As mestras non só ofreceron leccións teóricas senón que a práctica foi unha parte importante na aprendizaxe. Todos os cursos existe unha gran diversidade entre o alumnado que cada ano participa nesta actividade.
Neste curso séguese un programa de traballo axeitado aos coñecementos de cada alumno/a. Durante as primeiras sesións o alumnado aprendeu o vocabulario necesario e básico para utilizar o castelán. De seguido comezouse coas nocións de expresión oral e gramática, para ir subindo, deste xeito, o seu nivel de coñecemento do idioma, e conseguir, ao final do curso, un nivel suficiente para comunicarse coa comunidade.
En Bertamiráns as clases impartíronse os martes e xoves, de 12:00 a 14:00 horas, mentres que no Milladoiro o curso desenvolveuse os luns e mércores de 10:00 a 12:00 horas. Durante a clausura desta actividade houbo unha degustación de diversos produtos típicos dos países de procedencia do alumnado.
Contido relacionado
El Correo Gallego:"Llegan a su fin los cursos de español con 35 alumnos"