Do 12 ao 15 de novembro de 2026, o Concello de Ames volverá converterse nun punto de encontro internacional para o cinema infantil coa celebración da novena edición do Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo. O certame, organizado polo Concello de Ames, abre desde hoxe a convocatoria para a recepción de curtametraxes que formarán parte da súa programación oficial. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo resumo da edición de 2025.
A convocatoria está dirixida a persoas creadoras, produtoras, asociacións e colectivos de calquera nacionalidade que desexen presentar obras orientadas ao público preescolar e infantil. Poderán inscribirse curtametraxes realizadas a partir de 2024, cunha duración máxima de 25 minutos e que promovan valores como a igualdade, a diversidade e a non discriminación.
As obras seleccionadas integraranse nas tres seccións competitivas do festival. A categoría Axóuxeres incluirá curtametraxes de ata 10 minutos dirixidas a nenos e nenas de entre 2 e 7 anos, mentres que Buxainas estará destinada a público maior de 7 anos e admitirá pezas de ata 25 minutos. Ademais, a sección Escolares reunirá títulos orientados a espectadores e espectadoras de entre 2 e 15 anos.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 7 de agosto de 2026 ás 23:59 horas. As curtametraxes poderán enviarse a través da plataforma Festhome ou de maneira gratuíta mediante o formulario dispoñible na web oficial do festival, cinemamiudo.gal. O festival repartirá dous Premios do Xurado dotados con 500 euros cada un e tres Premios do Público cunha contía de 200 euros.
A edición de 2025, a máis multitudinaria da historia do festival
Cinema Miúdo afronta esta nova edición tras o éxito acadado en 2025, cando preto de 2.000 persoas participaron nas distintas actividades programadas ao longo de catro xornadas, convertendo aquela na edición con máis público da historia do festival. Os nenos e nenas exerceron de xurado popular e decidiron os Premios do Público co xa característico aplausómetro e esgotaron as prazas dos obradoiros de efectos especiais e stop motion.
Tamén se rexistrou unha participación récord nos pases escolares, aos que asistiron preto de 800 nenos e nenas de nove centros educativos do concello de Ames. Como novidade, o festival estreou un novo formato nos centros educativos, un obradoiro de cine impartido por Coral Piñeiro.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Cinema Miúdo anima a directores de todo el planeta a presentar sus cortos en Ames"
Lindeiros: "Cinema Miúdo abre a convocatoria internacional de curtametraxes"










