Solapas principales

Chega unha nova edición do programa Cine de outono

Domingo, 02 de noviembre de 2025

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, programa un novo ciclo de cine durante o mes de novembro no que se proxectarán os filmes “Antes de Nós”, o venres 7 de novembro no auditorio de Bertamiráns, e “Ratiña”, o xoves 13 no auditorio do Milladoiro, ambas as dúas en horario de 20.00 horas. Ao final das proxeccións haberá un pequeno coloquio sobre ditos filmes. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica.

A Concellaría de Cultura organiza unha nova edición  do programa “Cine de outono”, unha proposta que achega á veciñanza amesá diferentes propostas de cinema en galego. Nesta ocasión, o ciclo contará cunha longametraxe, que se proxectará no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, e unha curta, que se proxectará no auditorio do Milladoiro, ambas as dúas ás 20.00 horas. 

“Antes de Nós”
Nesta ocasión, o ciclo contará con dúas proxeccións. A primeira delas será “Antes de Nós”, que se proxectará o vindeiro venres, 7 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio de Bertamiráns. Este filme estreouse o pasado 21 de maio e está dirixido por Ángeles Huerta e conta con guión de Pepe Coira. Ademais, forma parte da programación polo Ano Castelao do Concello de Ames, xa que conta parte da vida de Castelao. No filme nárrase a historia dunha parella, dous momentos.

Un baile continuo de separación e reencontro. Dúas historias entrelazadas. 1918, Castelao deixa o seu posto de funcionario en Pontevedra para traballar como médico en Rianxo durante a gripe española. Un heroe para o pobo, pero un home ausente para a súa muller, Virxinia. En 1929, a parella percorreu Bretaña uns meses despois da perda do seu único fillo. Dous seres rotos e un vínculo que xa non se entende. Unha viaxe que os unirá para sempre. Castelao antes de ser Castelao. Galicia ante a “xeración Nós”. Castelao e Virxinia antes de ser “nós”.

“Ratiña”
Por outra banda, o xoves 13 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, proxectarase a curta “Ratiña”, dirixida por Alicia Úbeda. Esta proxección está subvencionada pola Deputación da Coruña e forma parte dunha actividade de mediación. Nesta sesión tamén contarase coa presenza da directora da curta para un coloquio posterior. 

“Ratiña” é a primeira de varias historias autobiográficas na que, nesta ocasión, a protagonista é unha nena de nove anos que sofre bullying na escola e como afronta esa situación na súa casa. Ratiña amosa unha cara menos coñecida das consecuencias do bullying, que é a soidade que pode sentir unha nena cando, ademais de pasar medo no cole, non ten as ferramentas para pedir axuda na súa casa.

Chega unha nova edición do programa Cine de outono

Multimedia

  • Chega unha nova edición do programa Cine de outono
  • Chega unha nova edición do programa Cine de outono