- Tematica
Este venres, 17 de outubro, chega ao auditorio do Milladoiro unha nova proposta do Ames Cultural. Nesta ocasión, será a quenda da danza, co espectáculo “Nove Espellos” de Óscar Cobos. A representación, dirixida para público adulto, terá lugar ás 20.30 horas e pódense adquirir as entradas a través da Billeteira electrónica. Esta programación conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.
Neste outono, o Ames Cultural traerá unha ampla variedade de propostas de artes escénicas para a veciñanza amesá. Este venres, 17 de outubro, será a quenda da danza, co espectáculo de “Nove Espellos” de Óscar Cobos, que terá lugar ás 20.30 horas no auditorio do Milladoiro. Esta peza, dirixida para un público adulto, é unha proposta que pretende crear un espazo imaxinativo e reflexivo onde o espectador se deixe levar pola súa parte máis pensativa.
Sinopse de “Nove Espellos”
“Nove espellos” é o último traballo da Oscar Cobos, unha proposta escénica que nos mergullará nunha atmosfera onírica deixando una pregunta ao aire: onde imos cando durmimos?
Deste xeito, a obra concíbese como unha viaxe polo multiverso e dentro do mundo do noso subconsciente, onde se crea no que o todo e a nada son o mesmo e onde se recrean diversas emocións coma medos, desexos, fracasos, ausencias, acertos, ledicias e tristezas
Protagonizada por tres intérpretes, na peza plásmanse diferentes estilos de danza e linguaxes, mesturando dende a danza popular tradicional de Galicia, a danza contemporánea, clásica ata a danza de contacto, creando un espectáculo único.
Sobre Óscar Cobos
Oscar Cobos Cía de Danza é unha compañía profesional de danza galega contemporánea, na se mesturan os elementos que compoñen a Danza Popular Tradicional de Galicia con outras disciplinas de movemento coma a danza contemporánea ou a clásica, ofrecendo así unha visión actualizada e fusionada.
Así, Óscar Cobos caracterízase por explorar diferentes posibilidades escénicas nas que se propoñan diferentes cuestións, intelectuais e emocionais, ao público.









