Solapas principales

Chega a Bertamiráns “O Chineiro da tía María”, unha sesión do programa Apego na que se mesturan contos, música e pintura

Viernes, 25 de septiembre de 2020

Coa técnica tradicional italiana do cantastorie, unha mestura a narración de historias, pintura en grandes lenzos e música, chega ao Pazo da Peregrina “O Chineiro da tía María” da man de Xandobela, educación e cultura. O próximo venres, 2 de outubro, ás 18.00 horas, as familias con crianzas a partir de 3 anos poderán asistir a esta nova actividade do Programa. A inscrición pode realizarse ata o vindeiro 1 de outubro, enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nomes e apelidos das persoas solicitantes, idade das crianzas e teléfono de contacto.

“O Chineiro da tía María” é un espectáculo do colectivo Xandobela, educación e cultura, que emprega pintura, música e contos para axudarlles ás familias a encontar respostas ás dúbidas das crianzas a través dunha fonte inesgotable de sabedoría que bebe do noso patrimonio oral e literario.

A curiosidade propia de todas as crianzas lévaas a querer saber constantemente o porqué das cousas. Contestar os seus porqués dálles seguridade, estimula a intelixencia e a linguaxe e fomenta a súa curiosidade. As familias asistentes a esta actividade coñecerán un chineiro máxico que ten sabias respostas para calquera pregunta e que contribuirá a asentar o apego polo noso e o apego pola lingua.

As familias con crianzas a partir de 3 anos poderán acudir a esta actividade inscribíndose previamente. A inscrición, de balde, está aberta até o vindeiro xoves, 1 de outubro. Realizarase enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nomes e apelidos das persoas solicitantes, idade das crianzas e teléfono de contacto.

Desde o Servizo de Normalización Lingüística contestaranse todos os correos recibidos para confirmar as inscricións. O prazo para anotarse está aberto até o 1 de outubro, pero cómpre inscribirse canto antes, dado que as prazas son limitadas e outórganse por orde de inscrición.

A actividade será no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o vindeiro venres, 2 de outubro, ás 18.00 horas, e adoptaranse todas as medidas sanitarias de seguridade que establece a normativa vixente.

O programa Apego
O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos.

É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215.

O SNL concertará unha cita para unha pequena entrevista na que se explicará o programa detalladamente e na que se lles entregará ás familias que se sumen unha caixa de benvida, un agasallo con diverso material e recursos moi útiles e atractivos para a crianza.

O Chineiro da Tía María.

Multimedia

  • Cartel informativo o Chineiro da Tía María.