Solapas principales

Centos de persoas asistiron en Bertamiráns ao VI Concurso de Saltos Val da Mahía, que contou coa colaboración do Concello de Ames

Sábado, 22 de junio de 2013

[22-06-2013] Máis de 70 xinetes e amazonas participaron no VI Concurso de Saltos Val da Mahía, organizado polo Centro Ecuestre Val da Mahía, en colaboración co Concello de Ames e que se celebrou durante toda a xornada no paseo fluvial de Bertamiráns. Centos de persoas asistiron o evento, que estivo organizado en favor de Cáritas Parroquial San Xoán de Ortoño, e no que participaron a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, que estiveron acompañados da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e da responsable de Relacións Públicas de Gadisa, Ana Lago.

Premios
Os ganadores de cada unha das probas recibiron un premio. Na categoría de 0,50 metros entregáronse escarapelas e lambonadas para os tres primeiros, mentres que na proba de 0,80 metros houbo escarapelas para os tres primeiros. Na categoría de 1,00 metro recibiron escarapelas para os tres primeiros e o/a gañador/a recibiu un lote de produtos de “La Cesta Natural”. Na categoría de 1,10 metros o/a 1º clasificado/a recibiu un reloxo Lotus; o/a 2º clasificado/a gañou un reloxo Festina; e o/a 3º clasificado/a foi obsequiado cun reloxo Swatch. Ademais os tres gañadores/as desta categoría recibiron unha escarapela. Por último, na categoría de 1,20 metros o/a 1º clasificado/a recibiu un premio de 400 euros e unha estancia de dúas noites en calquera dos hoteis de www.lasmejoresvistas.es; o/a 2º clasificado/a levou un premio de 200 euros; e o/a 3º clasificado/a foi premiado/a con 100 euros. Os tres premiados/as levaron tamén a correspondente escarapela.

Actividades para os nenos/as
De xeito paralelo ao concurso houbo unha serie de actividades dirixidas aos nenos e nenas. Ao longo da xornada realizáronse distintas actividades para os rapaces a cargo da escola infantil Violoncelo Blue, que instalou unha carpa multimedia. Tamén se realizaron paseos en pony para os máis pequenos.

O VI Concurso de Saltos Val da Mahía iniciouse ás 11:00 horas coa proba de salto de 0,50 metros. Un hora máis tarde, ás 12:00 horas, realizouse a proba de salto de 0,80 metros. A última proba da mañá foi ás 13:00 horas na que os cabalos tiveron que saltar obstáculos de 1,00 metro. Unha vez rematada cada proba entregáronse os trofeos os/as gañadores/as de cada unha das categorías. Ademais, ás 14:30 horas houbo unha exhibición de doma de alta escola a cargo da Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Xa pola tarde o concurso comezou ás 16:00 horas coa proba de 1,10 metros. Unha hora máis tarde, ás 17:00 h, deu comezo a última proba da xornada na que os cabalos tiveron que saltar obstáculos de 1,20 metro. Os xinetes e amazonas dispuxeron de dúas pistas cunhas dimensión de 45 metros por 60 metros. O equipo técnico estivo composto polos xuízas María Jesús Escudero, Pilar Amor e Ana Aurora González. O xefe de pista foi Alexandre Santiago e de speaker fará Federico Pérez-Lago.

Na categoría de 1,20 metros, o vencedor foi o xinete Marcos L. Ortega, co cabalo Jurphy de Saint Herme. Este mesmo xinete obtivo o segundo posto con Miss Rosire, mentres que o terceiro posto foi para Rafael Vázquez, co cabalo Woodstock.

Na categoría de 1,10 metros, a vencedora foi a amazona Kami Bispo, con Quinte de Beavoir. O segundo posto foi para María José Vilariño con Maruxa Mahía e o terceiro posto para Sara Tomé con Woodstock. Na categoría de 1,00 metro, o vencedor foi Amaro Gesto, coa egua Rosa. O segundo posto foi para Sandra Diz, con Jack, mentres que o terceiro foi para Carlos Rodicio, con Emily.

Na proba de 0,80 metros, o primeiro posto foi para Enrique Rodicio, con Emily; o segundo posto para Sara Rey, con Pluto LG, e o terceiro para Beatriz Torreiro con Dori. Finalmente, en 0,50 metros, a vencedora foi Carmen Antelo, con Pumba; o segundo posto recaeu en Mar Casadevall, con Aiuca Z; en terceiro lugar quedou Inés Monteiro, con Pumba, e en cuarto posto María Silva, con Rusca VDM.