Solapas principales

Celebrouse a gala de premios Galetiktokers 2022 con éxito de participación

Lunes, 07 de noviembre de 2022

“Os galegueños”, “Muinheira de Chantada”, “Galicia somos nós”, “Pequena historia con títulos de libros para combater o machismo”, “Sabías que unha artista se revelou contra a súa discográfica para publicar un disco en galego?” e “Jasolina – As tóxicas da ría” foron os vídeos gañadores do Galetiktokers 2022. Os premiados déronse a coñecer nunha gala celebrada o pasado sábado, 4 de novembro, que contou coa presenza dos participantes do certame e da actriz e cantante Pauliña, que se encargou de presentar o evento, así como do xurado que decidiu catro das seis pezas gañadoras. Asistiu tamén a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. En total repartíronse 1.800 euros en premios.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o pasado sábado, 4 de novembro, a gala do III Certame Galetiktokers, co que se pretende estimular a creatividade da mocidade e animar á creación en galego a través das redes sociais. Nesta ocasión, houbo seis vídeos premiados, dos cales catro foron escollidos polo xurado e outros dous polos seguidores en Instagram de Oficina Municipal de Información Xuvenil (omixames).

A encargada de dirixir o evento foi a cantante e actriz Pauliña, que deu comezo á gala coa interpretación dun dos seus temas e presentou os vídeos finalistas nas dúas categorías do concurso. Tamén estiveron presentes a tiktoker Sara Seco Rial e a comunicadora audiovisual Noelia Francisco Lens.

Na categoría de 13 a 16 anos foi galardoada polo público a peza “Os galegueños”, de Magín Rodríguez Fernández, Lola López Abeijón, Eirín Rey Ageitos e Sofía Álvarez Bandera. O xurado, pola súa banda, premiou os vídeos “Pequena historia con títulos de libros para combater o machismo”, de Elena Varela Otero e “Galicia somos nós”, de Karol Muñoz Vázquez.

Na categoría de maiores de 17 anos o público outorgou o premio a “Muinheira de Chantada – Verto”, de Xurxo Varela e Nerea Lobelle. Pola súa banda, o xurado concedeullo a “Sabías que unha artista se revelou contra a súa discográfica para publicar un disco en galego?”, de Rodrigo Míguez Novoa, e a “Jasolina – As tóxicas da ría”, de Sergio Martínez Calvo e Cristina Padín Ríos.

A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, recordou os inicios do concurso e gabou a alta participación acadada este ano. “Énchenos de ledicia que cada vez, entre a mocidade, medren máis as ganas de facer contido, de crear e de amosar na nosa lingua o talento que todos e todas tedes”. Ademais, aproveitou para agradecer a boa disposición do xurado e animar aos presentes a seguir empregando o galego a través das redes sociais. “Agardamos as vosas creacións de cara a vindeiras edicións”, concluíu.

Nesta edición houbo arredor de 200 participantes, e presentáronse 65 vídeos entre as dúas categorías, de temática moi variada (música, historia, sociolingüística, humor, deporte, videoxogos...).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Seis premiados como os Galetiktokers de máis nivel polo xurado e os amesáns

Celebrouse a gala de premios Galetiktokers 2022 con éxito de participación

Multimedia

  • Celebrouse a gala de premios Galetiktokers 2022 con éxito de participación
  • Celebrouse a gala de premios Galetiktokers 2022 con éxito de participación
  • Celebrouse a gala de premios Galetiktokers 2022 con éxito de participación
  • Celebrouse a gala de premios Galetiktokers 2022 con éxito de participación
  • Celebrouse a gala de premios Galetiktokers 2022 con éxito de participación
  • Celebrouse a gala de premios Galetiktokers 2022 con éxito de participación