Solapas principales

Celébrase a XII edición das xornadas Achégate á Igualdade, centradas na violencia sexual e nos coidados ás vítimas de violencia de xénero

Jueves, 01 de diciembre de 2022

Ao longo da mañá deste xoves a Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a décimo segunda edición das xornadas sobre igualdade e prevención de violencia de xénero Achégate á Igualdade, que organiza o Concello de Ames. Na mesa de apertura institucional participaron o alcalde, Blas García, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e Maite Arufe, directora do Centro de Información á Muller (CIM). En total, nas conferencias e mesas redondas celebradas participaron 107 persoas de maneira presencial, mentres que outro cento visualizáronas a través do servizo de streaming.

Durante a mañá deste xoves, 1 de decembro, celebrouse a XII edición das xornadas Achégate á Igualdade, que nesta ocasión versaron sobre a violencia sexual e os coidados ás vítimas de violencia de xénero. A programación incluíu diferentes conferencias e mesas redondas dirixidas tanto á poboación xeral como a expertos na materia, educadores/as, psicólogos/as... Nesta ocasión participaron, de maneira presencial e a través das visualizacións por streaming, máis de 200 persoas.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, explicou que “as xornadas Achégate á Igualdade están pensadas dende a casa, e digo dende a casa porque o traballo que estamos facendo facémolo da man dos centros escolares, coa equipa de coidadosÁmente, con asociacións e organizacións que están traballando cos nosos mozos e mozas e coas mulleres vítimas de violencia machista”. 

“Detectamos que hai unha serie de problemas nos que temos que poñer o foco. Nestas xornadas abordouse como afecta a prostitución ao establecemento de relacións afectivo sexuais nos nosos mozos e mozas. As novas tecnoloxías son moi útiles pero algunhas veces cando non temos a formación axeitada poden producirse situacións como as que suceden na actualidade, nas que os nosos nenos e nenas teñen acceso á pornografía cando aínda non teñen a súa personalidade totalmente desenrolada. Iso lévaos a establecer relacións baseadas no ven na rede e a establecer relacións desiguais”.

“Tamén se afondou no traballo que se realiza dende as áreas da asesoría xurídica, traballo social e psicoloxía coas mulleres vítimas de violencia machista. Explicouse como é o proceso de acollemento, asesoramento e rehabilitación. Cando unha muller é vítima de violencia machista necesita un traballo moi importante de empoderamento. Por último, Amelia Tiganus explicou, dende a súa propia experiencia, que é o mundo da prostitución. Tiganus é activista feminista que viviu en primeira persoa o que é a trata de persoas”.

Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, dixo que “dende a aprobación do primeiro plan galego para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, no camiño da plena igualdade os logros producidos na sociedade galega son incuestionables, aínda que queda moito que facer porque non podemos permitirnos dar nin un só paso atrás na consecución dunha sociedade verdadeiramente xusta e igualitaria para mulleres e homes, aínda menos en contextos sociais de dificultades como a crise socio-sanitaria que acabamos de vivir”. 

“A nosa comunidade autónoma, e cando falo da nosa comunidade autónoma refírome a toda a sociedade en xeral, é pioneira na promoción de políticas publicas e no impulso de instrumentos legais dirixidos a eliminar as distintas formas de discriminación por razón de xénero. O noso obxectivo é avanzar na supresión deses atrancos, que impiden o pleno desenvolvemento das mulleres nas distintas esferas, e combater as novas formas que adopta a violencia de xénero. Vamos a seguir traballando nesa liña. Vimos de aprobar o oitavo plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes que constitúe o instrumento guía que marcará o rumbo das políticas”.

“Galicia foi pioneira na promoción de políticas publicas. En 2007 aprobouse por unanimidade a lei galega contra a violencia de xénero na que xa se recollían as violencias machistas. En 2016 modificouse a lei autonómica para incorporar ás mulleres vítimas da trata e nenas con fins de explotación sexual; e en 2021 fixéronse dúas modificacións, unha relativa a violencia vicaria e outra sobre a violencia dixital”. Tamén destacou que  existen “dous programas autonómicos como son Abrámolo círculo, dirixido a homes con problemas de conduta; e mailo programa Fénix, para a reeducación de rapaces menores de 18 anos sometidos a medidas xudiciais por violencia de xénero”.

O alcalde de Ames, Blas García, agradeceu o traballo do persoal municipal e da concelleira de Benestar Social polo traballo feito para poder organizar unha nova edición das xornadas Achégate á Igualdade, así como da secretaria xeral da Igualdade “porque é das persoas que máis sabe e coñece da igualdade no noso pais e que leva motos anos defendendo a igualdade e traballando para que se aproben novas leis nesta materia. Unha das áreas nas que temos que traballar todas as formacións políticas de forma conxunta é a igualdade. Temos que deixar as diferencias a un lado, se existen, e traballar de xeito conxunto en temas tan importantes coma este”.  

Ademais, o rexedor municipal destacou “a importancia da participación dos homes en este tipo de xornadas porque é moi importante para conseguir unha igualdade efectiva e real. A igualdade é un tema que nos afecta a todos e todas. Debemos facer unha reflexión colectiva sobre o problema que temos na sociedade coa violencia machista. Mentres sega morrendo unha soa muller por violencia machista este tipo de xornadas son necesarias. As administración públicas debemos achegar instrumentos e recursos para acabar con esta lacra social”.

Programa das xornadas

As xornadas deron comezo coa conferencia “Adolescencias e sexualidade: influencia do inconsciente pornográfico”, presentada por Juan Carlos Permuy, psicólogo e coordinador dos programas de prevención “coidadosÁmente”, e na que participou Vanesa Rodríguez Pousada,  psicóloga e sexóloga, que forma parte da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (ASEIA) e é vicepresidenta da Sociedade Galega de Sexoloxía (SOGASEX). Durante a súa intervención, Rodríguez Pousada explicou o funcionamento psicolóxico dos adolescentes e as diferenzas interxeracionais que existen. Por outra banda, fixo especial fincapé no papel que exerce a pornografía entre os máis novos.

Despois dunha pequena pausa celebrouse unha mesa redonda na que interviñeron Concepción Rodríguez Pérez, terapeuta do Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, Chus Olivares Rodríguez, traballadora social e directora do centro de acollida para mulleres de contextos de violencia machista, e Maite Arufe, asesora xurídica e directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Ames.

Xa para rematar a sesión de conferencias, a psicóloga e coordinadora do programa “coidadosÁmente”, Belén Montesa, presentou a conferencia “Construíndo un mundo sen violencia sexual: ética e estratexias feministas”, correu a cargo de Amelia Tiganus, activista feminista e autora de libros como La revuelta de las putas.

Tiganus fixo un recorrido pola historia do patriarcado e do feminismo, enfocando o seu relatorio no sistema prostitucional e na súa propia experiencia como vítima de trata e proxenetismo, e facendo especial fincapé na importancia do abolicionismo. Ao final da conferencia, os asistentes puideron charlar coa escritora, que estivo firmando exemplares dunha das súas obras, La revuelta de las putas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Amelia Tiganus contra la prostitución: 'Necesitamos más hombres buenos'"

AMS GO!: "As XII Xornadas Achégate á Igualdade traen a Ames debates e perspectivas sobre a igualdade e a fin da violencia de xénero"

A mesa institucional contou coa presenta do alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, e a secretaria de igualdade, Susana López Abella

Multimedia

  • Celébrase a XII edición das xornadas Achégate á Igualdade, centradas na violencia sexual e nos coidados ás vítimas de violencia de xénero
  • Celébrase a XII edición das xornadas Achégate á Igualdade, centradas na violencia sexual e nos coidados ás vítimas de violencia de xénero
  • Celébrase a XII edición das xornadas Achégate á Igualdade, centradas na violencia sexual e nos coidados ás vítimas de violencia de xénero
  • Celébrase a XII edición das xornadas Achégate á Igualdade, centradas na violencia sexual e nos coidados ás vítimas de violencia de xénero
  • Celébrase a XII edición das xornadas Achégate á Igualdade, centradas na violencia sexual e nos coidados ás vítimas de violencia de xénero
  • Celébrase a XII edición das xornadas Achégate á Igualdade, centradas na violencia sexual e nos coidados ás vítimas de violencia de xénero
  • Celébrase a XII edición das xornadas Achégate á Igualdade, centradas na violencia sexual e nos coidados ás vítimas de violencia de xénero
  • Celébrase a XII edición das xornadas Achégate á Igualdade, centradas na violencia sexual e nos coidados ás vítimas de violencia de xénero