Solapas principales

Celébranse de forma telemática as comisións informativas previas ao pleno ordinario de abril

Lunes, 27 de abril de 2020

O pasado venres, 24 de abril, celebráronse de forma telemática as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes de abril que se desenvolverá este xoves día 30. En ditas comisións debateuse a resolución da alegación e aprobación definitiva da terceira modificación puntual do Regulamento Orgánico Municipal (ROM); a resolución da alegación e aprobación definitiva da Ordenanza fiscal xeral do Concello de Ames; e mailo expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar do Casaliño.

O Concello de Ames continúa coa actividade administrativa coa realización de comisións informativas e plenos municipais de forma telemática, a través da aplicación Councilbox subministrada por AVA Soluciones tecnológicas. Deste xeito, o pasado venres, 24 de abril, celebráronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes de abril que se desenvolverá este xoves día 30.
 
En primeiro lugar, celebrouse a Comisión Informativa permanente de Administración Xeral e Atención Veciñal, na que se debateu a resolución da alegación e aprobación definitiva da terceira modificación puntual do Regulamento Orgánico Municipal (ROM), que foi aprobada con cinco votos a favor e tres abstencións.
 
Na sesión plenaria celebrada o pasado 26 de decembro de 2019 aprobouse inicialmente a terceira modificación do regulamento orgánico municipal (ROM) do Concello de Ames. A modificación afecta unicamente aos artigos 10 e 15, onde se regulan as comisións informativas e a xunta de voceiros. Durante o prazo de exposición pública presentouse unha alegación que afecta o artigo 51 do ROM.
 
Tal e como figura no informe de Secretaría proponse a desestimación da alegación presentada, xa que a mesma non ten relación co contido da terceira modificación do ROM. Por conseguinte, proponse ao Pleno aprobar definitivamente a modificación dos artigos 10 e 15 do Regulamento Orgánico Municipal, aprobada inicialmente por acordo plenario de data 26 de decembro de 2019.
 
Investigación patrimonial dun camiño no lugar do Casaliño
A continuación, realizouse a Comisión Informativa permanente de Desenvolvemento Urbano, na que se debateu sobre o expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar do Casaliño. Este punto foi aprobado con cinco votos a favor e tres abstencións.
 
Sobre este asunto hai que lembrar que hai aproximadamente un ano fíxose unha solicitude para incorporar ao inventario municipal un camiño existente no lugar do Casaliño. Tramitado o correspondente expediente de investigación figura no informe da técnica municipal de Secretaría e da secretaria municipal, que non queda acreditado que o camiño é un ben de dominio público, sendo en consecuencia a súa titularidade privada.
 
Ordenanza fiscal xeral do Concello de Ames
Por último, desenvolveuse a Comisión Informativa permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas, na que tratou a resolución da alegación e aprobación definitiva da Ordenanza fiscal xeral do Concello de Ames, que foi aprobada con cinco votos a favor e tres abstencións.
 
No pleno do 26 de decembro de 2019 prestouse aprobación provisional a modificación da Ordenanza fiscal xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e dos ingresos de dereito público do Concello de Ames. Durante o trámite de información pública presentouse unha alegación contra o artigo 19, titulado Medios de pago, que foi informada desfavorablemente pola tesoureira municipal. Polo tanto, proponse ao Pleno a aprobación definitiva de dita ordenanza.
Imaxe da Casa do Concello