Solapas principales

Catro grupos punteiros do rock galego e nacional chegan a Ames coa duodécima edición do Millarock

Martes, 20 de junio de 2023

Todo está listo no Milladoiro para acoller a duodécima edición do festival Millarock, que se desenvolverá o vindeiro venres 30 de xuño no aparcadoiro da Travesía do Porto (en fronte da escola infantil), a partir das 21:00 horas. O evento, organizado polo departamento de Cultura de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, é xa unha das citas consolidadas do concello, e naceu co obxectivo de promover o rock galego e de impulsar grupos emerxentes da contorna, combinándoos coas actuacións doutras bandas xa consolidadas. Nesta ocasión participarán os grupos A banda da loba, Eladio y los seres queridos, Fillas de Cassandra e Las ninyas del Corro. A entrada será libre e de balde.

Un ano máis, O Milladoiro convértese en punto de encontro para os amantes do rock coa chegada do festival Millarock, que este ano alcanza a súa edición número doce. O evento, ao que se poderá acceder de xeito libre e gratuíto, continúa apostando pola música en galego, con ampla presenza feminina e combinando bandas emerxentes con outras máis consolidadas.

Nesta edición, o festival renova o seu formato incorporando algunhas novidades. Así, cambia a localización na que se vai celebrar, que pasa a ser o aparcadoiro da Travesía do Porto, en fronte da escola infantil. Por outra banda, tamén se fai unha forte aposta por incorporar estilos que vaian máis aló do rock. Deste xeito, o cartel da duodécima edición expándese e os asistentes poderán gozar de sons máis modernos, de indie, de rap... e, en xeral, de música homoxénea e reivindicativa adaptada aos novos tempos e sensibilidades.

O Millarock, non obstante, continúa a ser unha das grandes apostas da Concellaría de Cultura, que ao longo da historia do festival achegou a Ames a música de grupos consolidados como Herdeiros da Crus, que conta cunha longa traxectoria; ou The Rapants, cuxa carreira se atopa nun momento de ascenso meteórico; así como de formacións que se crearon cando comezaba a desenvolverse o festival e que seguen en activo, como Familia Caamagno e Agorafobia.

Cartaz do Millarock 2023
Coa chegada do Millarock, O Milladoiro volve a reunir a destacadas bandas de rock galego, cun cartel no que se citan os grupos A Banda da Loba, Eladio y los seres queridos e Fillas de Cassandra. Ademais, incorpórase un dúo procedente da escena nacional, Las Ninyas del Corro, que chegarán dende Barcelona.

A Banda da Loba é unha formación integrada por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias para crear un proxecto colectivo. No seu repertorio mesturan, ademais de rock, ritmos de pop, blues e folk, creando sons propios. Na actualidade contan con tres traballos publicados: Bailando as rúas (2017), Fábrica de luz (2019) e o EP Hasme Oír (2021). Ademais, ao longo da súa curta traxectoria recibiron galardóns como o Premio aRi(t)mar 2018.

Por outro lado, Eladio y los seres queridos é unha das bandas máis consolidadas do panorama galego, tras máis de quince anos de carreira, 5 discos e numerosas xiras por todo o país. Os seus temas, escritos por Eladio Santos, líder do grupo, van dende o pop máis clásico ata sons indies, folk, canción de autor, e, por suposto, rock. O seu último traballo, Academia (2020) está composto por catorce temas “honestos, intimistas e transeúntes”.

O dúo Fillas de Cassandra, procedente de Vigo, é un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. O seu primeiro traballo, Acrópole (2023) acaba de ser presentado e colleita xa numerosas críticas positivas. A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica. As súas composicións, sempre creadas dende unha ollada feminista e actual, transitan da emotividade ao desenfado, sen esquecer o activismo.

Por último, Las ninyas del Corro, o dúo catalán, chegará a Ames para ofrecer as súas cancións combativas e mensaxes contundentes, inspiradas no rap underground. A dupla caracterízase polas súas comprometidas letras, nas que teñen cabida o empoderamento, a crítica e as vivencias persoais.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Catro grupos punteiros galegos actuarán no Millarock"

La Voz de Galicia: "A banda da loba, Eladio y los seres queridos, Fillas de Cassandra y las Ninyas del Corro actuarán en el Millarock de Ames"

Enfoques: "Vuelve el Millarock con Fillas de Cassandra, A banda da Loba, Eladio y los Seres Queridos y Las ninyas del Corro"

 Cartaz do Millarock 2023