Solapas principales

A cativada da Escola Infantil Municipal A Madalena celebra o Samaín “con gana de normalidade”

Sábado, 06 de noviembre de 2021

A EIM A Madalena do Milladoiro achégase cada vez máis a normalidade, retomando actividades como o Samaín, que se celebrou nas súas aulas este pasado venres, respectando os grupos burbulla e os protocolos sanitarios establecidos. “O importante é pasalo ben”, destacou a directora do centro, Sandra Dios, que agradeceu a colaboración “coma sempre” das nais e pais da rapazada, que se achegou á escola con disfraces e maquillaxes terroríficas.

Durante a xornada, o alumnado gozou das actividades preparadas polo persoal docente do centro, que incluíron música, lambonadas, e un “photocall” para os nenos e nenas de 0-1 anos, que incorporaron as fotografías aos seus libros de lembranzas. A decoración temática das aulas complementou aos disfraces da rapazada, que chegou vestida de esqueletos, meigas, pantasmas, monstros variados ou mesmo de cabazas de Samaín. A maquillaxe volveu correr este ano a cargo dos pais e nais, ante a imposibilidade das docentes para compartir o material entre a rapazada.

A directora da escola, Sandra Dios, quixo agradecer de novo a colaboración das nais e pais, que este ano tiveron aínda unha implicación máis numerosa do o que é habitual. “O importante é pasalo ben: disfrazarse non é obrigatorio, tratamos de que sexa unha actividade lúdica. Aínda así, este ano viñeron á escola moitísimas máis cativas e cativos disfrazados que de costume. Notouse que as familias tiñan gana de algo de normalidade”.

A celebración do Samaín serve como broche á programación educativa que organiza cada mes o persoal docente do centro, que neste último período centrou a súa atención no outono, cos seus produtos e froitos, así como na preparación de festas tradicionais adaptadas á rapazada máis pequena. “Durante o mes de outubro baleiramos cabazas, ensinámoslles os froitos do outono, recortan castañas... tentamos adaptarnos a todas as idades”, indica Sandra Dios. Precisamente, nesta mesma semana tivo lugar o Magosto da escola, o pasado venres 5.

A Escola Infantil Municipal A Madalena, situada no Milladoiro, é un dos dous centros deste tipo administrados pola Concellaría de Educación de Ames, xunto coa EIM O Bosque, en Bertamiráns. A escola imparte o primeiro ciclo de Educación Infantil, con 82 rapaces e rapazas dos 0 aos 3 anos. O alumnado da escola repártese en seis grupos: unha aula de 0-1 anos, dúas de 1-2 anos, e a máis numerosa, a cativada de 2-3 anos, con tres aulas. Unhas 21 profesionais traballan na escola cada día, entre as que se atopan 16 docentes e persoal de cociña ou de servizos xerais.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "O Samaín máis lucido, na escola infantil A Madalena"

A rapazada do grupo 2-3 C, da Escola Infantil Municipal A Madalena

Multimedia

  • A rapazada do grupo 0-1, da Escola Infantil Municipal A Madalena
  • A rapazada do grupo 2-3 A, da Escola Infantil Municipal A Madalena
  • A rapazada do grupo 2-3 B, da Escola Infantil Municipal A Madalena
  • A rapazada do grupo 1-2 A, da Escola Infantil Municipal A Madalena
  • A rapazada do grupo 1-2 B, da Escola Infantil Municipal A Madalena