- Tematica
A concellaría de Mocidade organizou durante o mes de agosto, e a primeira semana de setembro, un Campamento Dixital para a rapazada que se desenvolveu na Aula AmTIC do Milladoiro. Participaron un total de 56 nenos e nenas neste programa no que puideron adquirir diferentes competencias e habilidades no ámbito dixital dunha forma lúdica e adaptada a eles.
Neste pasado mes de agosto, a Aula AmTIC do Milladoiro acolleu un Campamento Dixital dirixido á mocidade durante o mes de agosto e a primeira semana de setembro para que, neste período non lectivo, continuaran a aprender e adquirir competencias, neste caso no ámbito dixital.
Campamento Dixital é unha iniciativa gratuíta impulsada pola Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia, CODI, posto en marcha polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado pola Unión Europea–Next Generation EU.
Deste xeito, no Campamento Dixital que se desenvolveu en Ames, participaron un total de 56 mozos e mozas de entre 9 e 14 anos. O programa impartiuse de luns a venres en horario de mañá e en cinco quendas, correspondentes a cada semana do mes de agosto e a primeira do mes de setembro. Así mesmo, ao finalizar o campamento, a rapazada recibiu un certificado que avala as competencias adquiridas.
Nas sesións do campamento, os participantes puideron adquirir diferentes ferramentas e competencias dentro do ámbito dixital a través de xogos, retos creativos e traballo en equipo. Coa realización deste programa, a mocidade aprende a ter un contacto positivo e saudable da tecnoloxía, impulsando un uso práctico, creativo e lúdico para o seu desenvolvemento cognitivo.
Sobre ‘Campamento Dixital’ de Cibervoluntarios
Campamento Dixital responde á necesidade de que a infancia e a mocidade conten coas ferramentas axeitadas para desenvolverse nun mundo cada vez máis dixitalizado. O obxectivo é formar no uso seguro e responsable da tecnoloxía, potenciar o talento dixital e fomentar o pensamento crítico entre os máis novos, con especial atención a aqueles nunha situación de maior vulnerabilidade dixital.
Esta actividade non só ensina a usar a tecnoloxía, tamén a comprendela e aproveitala como ferramenta para o desenvolvemento persoal e profesional. Grazas ao apoio dos concellos, centros educativos e entidades locais, este programa organízase en espazos accesibles e seguros, promovendo unha educación dixital próxima.
O programa organízase en diferentes grupos de idade e todos os contidos están deseñados para adaptarse ás súas necesidades e capacidades. Os máis pequenos, entre 9 e 11 anos, convértense en “detectives dixitais” que aprenden a identificar noticias falsas, protexer a súa identidade en internet e crear contidos como presentacións ou vídeos. Na franxa de 12 a 14 anos, afondan no uso consciente da tecnoloxía, a convivencia dixital e o coidado e importancia da privacidade nas redes sociais.
Ao rematar, todos os participantes reciben o certificado oficial DigComp, que acredita as súas competencias dixitais segundo o marco europeo, achegando un valor diferencial á súa formación académica e profesional.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O Campamento Dixital do Milladoiro contou con case 60 nenos"
Diario de Santiago: "Case 60 nenos e nenas participaron no Campamento Dixital que acolleu a Aula AmTIC do Milladoiro durante o mes de agosto"











