Solapas principales

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres a obra de teatro “Hamelin”

Martes, 27 de febrero de 2024

O Concello de Ames propón para este venres teatro dirixido a público adulto. A programación cultural de 2024 continúa o venres, 1 de marzo, ás 20:30 horas, coa obra de teatro “Hamelin”. O espectáculo, producido por Redrum Teatro, está dirixido a un público adulto e nel se aborda a pederastia a través dunha adaptación do conto do Frautista de Hamelin. Os convites xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Este venres, 1 de marzo, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle a obra “Hamelin” ás 20:30 horas. Este é o quinto dos 12 espectáculos que integran a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024”. Deste xeito, o Concello de Ames propón para este venres teatro dirixido a público adulto e monicreques para público familiar.

Cunha duración aproximada de 45 minutos, trátase dunha obra dramática dirixida a público adulto.

Sinopse de “Hamelin”
“Era unha vez unha bela cidade chamada Hamelin. A cidade encheuse de ratas. Ata que alguén fixo soar unha fermosa música”. A versión áspera do conto é máis verosímil e parécese máis ao mundo no que vivimos. No noso mundo, os nenos son os primeiros que pagan; pagan os vicios dos maiores, as súas mentiras. Neste sentido, o Hamelin que non sabe protexer aos seus nenos é como moitas cidades do noso mundo.

Esta obra aborda o tema da pederastia cunha linguaxe e escenas cheas de elipses, onde as cousas quedan aludidas, onde o espectador debe poñer da súa parte para interpretar, para imaxinar, para encher os silencios. O tema central trátase dunha maneira moi sutil, onde os silencios dos personaxes encerran grandes verdades, evitando unha linguaxe soez e optando por un espectador activo que imaxine máis aló do que se mostra en escena.

Redrum Teatro
Redrum Teatro é unha empresa cultural que se constituíu no ano 2009, adicada á produción e distribución de espectáculos teatrais e á edición de libros infantís. Desde a súa fundación aposta pola produción de espectáculos de distintos formatos, sempre cun coidado valor estético e artístico como marca persoal da compañía, e coa vontade de fomentar o entretemento e a cultura en galego.

 A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres a obra de teatro “Hamelin”

Multimedia

  •  A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres a obra de teatro “Hamelin”
  • Cartaz do Ames Cultural 2024