- Tematica
O departamento de Cultura do Concello de Ames propón para este venres unha peza teatral dirixida a público adulto. A programación cultural de 2024 continúa o venres, 15 de marzo, ás 20:30 horas, coa obra de teatro “Chola a it girl”. O espectáculo, producido por ArtesaCía, está dirixido a un público adulto e está protagonizada por Chola, unha muller que decide mostrar a súa vida rural, auténtica e imperfecta, farta de ver como a xente ofrece unha imaxe perfecta e idílica de si mesma nas redes sociais. Os entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
Este venres, 15 de marzo, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle a obra “Chola a it girl” ás 20:30 horas. Este é o sexto dos 12 espectáculos que integran a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024”. Deste xeito, o Concello de Ames propón para este venres teatro dirixido a público adulto.
Cunha duración aproximada de 70 minutos, trátase dunha comedia dirixida a público adulto.
Sinopse de “Chola a it girl”
Chola, cansa de ver como a xente ofrece unha imaxe marabillosa e perfecta de si mesma nas redes sociais, decide amosar a súa vida imperfecta, auténtica e rural cun show de empoderamento feminino acompañada en todo momento do seu sidecar e o seu peculiar “agroglamour”. Con exemplos prácticos e didácticos, amosará os seus 10 tips para poder converterse nunha it girl “glocal” (mulleres que pensan localmente para actuar de forma global), facéndonos reflexionar sobre quen somos, que nos gusta, que nos divirte... e, sobre todo, saber recoñecer de onde vimos.
Esta obra é un homenaxe á "muller glocal", mulleres que pensan localmente para actuar de maneira global. Mulleres do rural, que forman parte desa estirpe de muller decisiva, que están un paso por diante da sociedade rural na que viven, polo seu inconformismo, talento, forza, rebeldía e resistencia; pero tamén pola súa procura incansábel de posibilidades para cultivarse e aprender, pola súa teima e constancia por fuxir do que se supón que debería facer unha muller no rural.
ArtesaCía
ArtesaCía fundouse no 2010 en NYC. Hoxe afincada en Galicia (Tui), desenvolve unha linguaxe propia baseada na plástica, no cine, na hibridación de disciplinas e na investigación escénica.
A compañía funciona con equipas de traballo abertas para crear a posibilidade de proxectos nutridos por colaboracións locais, nacionais e internacionais. Sempre na busca de material inédito para as súas obras escénicas, procura comezar os procesos a través de residencias artísticas e nutríndose continuamente da interdisciplinariedade das súas equipas, dotando ós proxecto da súa característica multidisciplinar.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "“Chola a it girl” este venres no Milladoiro"