Solapas principales

A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro mércores, 11 de xaneiro, unha conferencia sobre ciberseguridade

Lunes, 09 de enero de 2023

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro mércores, 11 de xaneiro, ás 17:30 horas, unha nova charla sobre ciberseguridade e fraudes nas redes. A mesma conferencia xa fora organizada no mes de novembro pola Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro en dito municipio, logrando unha gran acollida entre a veciñanza. Nesta ocasión, ademais, clausuraranse os cursos do segundo módulo de alfabetización dixital nas parroquias de Tapia, Ameixenda, Augapesada, Covas e Ortoño. Deste xeito, entregaráselle un diploma a arredor de medio cento de veciños que asistiron a estas clases.

Esta conferencia está aberta a todos os públicos, e a entrada é de balde ata completar aforo. Este tipo de xornadas son organizadas polo departamento de Cultura de xeito paralelo aos cursos do segundo módulo de alfabetización dixital e aos que se imparten nas instalacións da aula AMTIC.

A charla abordará a manipulación e a desinformación na rede, así como os principais fraudes asociados a isto: phishing, compras en liña, anuncios vacacionais ou choios de segunda man. O encargado de impartila será Nacho Álvarez, diplomado en Investigación Privada e graduado en Criminoloxía pola Universidade de Salamanca. Álvarez tamén está habilitado como Xefe e director de Seguridade polo Ministerio de Interior, e conta coa habilitación de Instrutor de Seguridade.

Tras colaborar durante dous anos para a Secretaría de Estado de Igualdade nun programa de investigación sobre homicidios no contexto da violencia de xénero, no ano 2018 comezou a traballar en SIA como consultor de ciberseguridade, onde obtivo as certificacións de Auditor Xefe de Sistemas de Xestión de Seguridade da Información e como Auditor Xefe en Continuidade de Negocio. Actualmente, é responsable de formación e concienciación en ciberseguridade de Govertis – TelefónicaTech.

Cursos de alfabetización dixital no rural
Por outra banda, minutos antes da conferencia clausuraranse os cursos do segundo módulo de alfabetización dixital no rural que se celebraron nas parroquias de Tapia, Ameixenda, Augapesada, Covas e Ortoño. Nesta ocasión participaron arredor dunhas 50 persoas, que recibirán os seus diplomas de asistencia no acto que se celebrará na Casa da Cultura. Os cursos pretendían reforzar os coñecementos adquiridos polo alumnado na primeira parte da formación, que foi impartida o pasado ano. Deste xeito, ensináronse nocións sobre temas relacionados coa xestión de arquivos, a ofimática, o tratamento de imaxes, o correo electrónico, as redes sociais ou o uso de dispositivos móbiles.

Posteriormente, as persoas participantes en dito curso visitarán as instalacións da aula de informática de Bertamiráns (aula CeMIT) para coñecela e seguir ampliando a súa formación informática nelas se así o desexan.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Bertamiráns acogerá una entrega de diplomas y charla de ciberseguridad"

AMS GO!: "A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle unha charla sobre ciberseguridade"

A charla abordará a manipulación e a desinformación na rede

Multimedia

  • A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro mércores, 11 de xaneiro, unha conferencia sobre ciberseguridade