Solapas principales

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres unha revisión dos mellores monólogos de Carlos Blanco

Jueves, 11 de abril de 2019

Carlos Blanco fai unha parada na Casa da Cultura de Bertamiráns este venres, 12 de abril, para facer un repaso polos mellores monólogos do seu repertorio. Durante 60 minutos, o actor revisará os seus monólogos máis coñecidos e botará man da improvisación para engadirlles referencias e reflexións sobre as cuestións máis actuais. As entradas postas á venda na Billeteira electrónica xa están esgotadas, polo que só quedan dispoñibles o 10% reservado para vender en taquilla unha hora antes do espectáculo.

O escenario da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, a partir das 21.00h, unha revisión dos monólogos máis recoñecidos do humorista Carlos Blanco. Ao longo de 60 minutos, o actor botará man de soliloquios como O porno galego, Galizara, As grandes frases das nosas avoas e avós ou o xa mítico As bravas de Arousa, pero dende un punto de vista actual e aberto. Así, se ben manterá as temáticas orixinais, o actor engadirá tamén novos puntos de vista e temas da máis rabiosa actualidade para mostrarlle ao espectador que os tempos cambian, pero hai cousas moi nosas que sempre se manteñen.

Este espectáculo forma parte da xira que o artista está a realizar para celebrar os seus trinta anos de traxectoria, nos que engloba os seus monólogos máis recoñecidos. As entradas postas á venda a través da páxina web do Concello de Ames xa están esgotadas, polo que só quedan dispoñible o 10% reservado, como é habitual, para vender de xeito presencial na taquilla da Casa da Cultura o mesmo día da función. O custo é de 5 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.

Ligazóns

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres unha revisión dos mellores monólogos de Carlos Blanco