Solapas principales

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres a representación da obra “Último verán en Santa Cristina”

Lunes, 22 de enero de 2024

A programación cultural de 2024 continúa este venres, 26 de xaneiro, ás 20:30 horas, coa representación da obra de teatro “Último verán en Santa Cristina”. O espectáculo, producido por Teatro do Noroeste, está dirixido por Eduardo Alonso. Os convites xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Trátase dunha obra dramática na que se conta a historia dun rapaz de doce anos e do seu último verán na praia en 1960. Moitos anos despois recibe unhas cartas propiedade da súa defunta nai a través das que rememora ese verán. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Este venres, 26 de xaneiro, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a representación da obra de teatro “Último verán en Santa Cristina” ás 20:30 horas. Este é o segundo espectáculo dos 12 que conforman a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024”.

Cunha duración aproximada de 95 minutos, esta peza teatral recolle as sensibles e conmovedoras lembranzas dun rapaz que pasa a súa infancia na España franquista da década dos sesenta.

Sinopse de “Último verán en Santa Cristina”
Nesta obra cóntase o acontecido a un rapaz de doce anos que, no ano 1960, pasa o seu último verán nunha praia preto da cidade na que vive. Moitos anos despois, cando xa é un home adulto, recibe unhas cartas supostamente propiedade da súa nai xa morta e, na lectura destas cartas, rememora o acontecido aquel verán. Como ademais é fillo de militar, o rapaz vive especialmente os acontecementos da sociedade franquista da época: os desfiles na praza da cidade que coinciden coa estancia de Franco no Pazo de Meirás, a poucos quilómetros de onde el veranea.

Entre os seus propios recordos, moi escorados nas lembranzas relacionadas co seu paso de neno a adulto, e as cartas agora coñecidas vai descubrindo a relación da súa propia nai, a muller do militar, cun antigo amigo da xuventude, agora fuxido e enrolado na última partida de guerrilleiros antifranquistas que aínda fica activa en Galicia nese ano de 1960.

Para o protagonista, agora un adulto, a lectura das cartas e os recordos non moi precisos que aínda conserva de aqueles anos, dos que pasaron xa máis de trinta, vanlle descubrindo as relacións triangulares da súa nai, o seu pai e o partisano que, inevitablemente, rematarán en traxedia.

Teatro do Noroeste
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro profesional galega fundada no 1987. Ao longo da súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos.

Entre estes espectáculos se poden salientar desde textos clásicos como Rei Lear ou Macbeth, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais, até textos máis contemporáneos como Os Xustos, de Albert Camus, ou de autores galegos como Historias Peregrinas ou A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres a representación da obra “Último verán en Santa Cristina”

Multimedia

  • Cartaz da obra "Último verán en Santa Cristina"
  • Cartaz Ames Cultural 2024