- Tematica
O Concello de Ames propón para este venres monicreques para público familiar. A programación cultural de 2024 continúa o venres, 1 de marzo, ás 18:00 horas, co espectáculo de monicreques “Solo”. O espectáculo está dirixido e protagonizado por Roi Borrallas. Os convites xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Trátase dun espectáculo no que se retrata o comportamento dun pallaso cando está só, coas súas ideas e tolemias. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
Este venres, 1 de marzo, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o espectáculo de monicreques “Solo” ás 18:00 horas. Este é o cuarto dos 12 espectáculos que integran a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024”.
Cunha duración aproximada de 45 minutos, trátase dun espectáculo de monicreques pensado para nenos e nenas a partir dos 5 anos. Deste xeito, o Concello de Ames propón para este venres teatro dirixido a público adulto e monicreques para público familiar.
Sinopse de “Solo”
O hábitat natural de calquera pallaso é a escena, co seu público. Pero que pasa cando queda só? É no camerino onde se mestura a persoa e o personaxe, onde se desdebuxa a liña que os separa; é nesa fronteira onde te lugar este espectáculo. Os asistentes verán a trastenda deste artista, como se defende sa soidade e da rutina con imaxinación e humor.
Roi Borrallas
Tras varios anos adicado ao teatro, descobre o mundo do pallaso. A partir de aí fórmase como artista multidisciplinar. Ese camiño lévao a traballar en circos como o Deros ou Roncalli e en festivais de toda Europa.
En 2010 gaña o premio do xurado no festival OFF co seu solo-show de maxia estúpida Traga Tiérrame. En 2012 crea o espectáculo de circo La Bella Tour co que xirou por todo o mundo.