Solapas principales

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 2 de decembro, a primeira Gala da diversidade

Jueves, 01 de diciembre de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organiza a primeira Gala da diversidade, que se celebra mañá venres, 2 de decembro, ás 18.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A Gala está amadriñada pola Fundación IgualArte e a Asociación Potenciemos. Este evento realízase con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional 2022, que se conmemora o día 3 de decembro. Estará protagonizada polos rapaces e rapazas que integran a asociación para persoas con diversidade funcional Arcea Adames, situada no Milladoiro. Ademais, haberá dous espectáculos de danza clásica e moderna, da man de Ricardo Pardo e da compañía teatral Al Lío.

A primeira edición da Gala da diversidade celébrase este venres, 2 de decembro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O evento estará conducido por Martín Barreiro e Mari Carmen Redondo, de Arcea Adames. Comezará coa compañía Al Lío, que representará un espectáculo de danza clásica. Posteriormente, os integrantes de Arcea Adames estrearán a súa propia función teatral, “Historias”, que conta con poemas de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro e Federico García Lorca, ademais de textos das persoas da asociación e unha performance guiada por Martha Franco.

Fran Rei, cofundador da cooperativa musical e teatral CulturaActiva, é o encargado de dirixir a función dos integrantes de Arcea Adames. Explica que estiveron traballando pouco máis dun mes para preparar a función que van a representar. “Dende o principio tivemos moi claro o concepto da Gala, e estamos traballando arreo para que o que queremos transmitir quede claro, que chegue á xente. O que buscamos é que os rapaces e rapazas, unha vez escoitadas e lidas as poesías, nos conten que transmiten. Vai ser unha intervención breve, e un contrapunto interesante para o conxunto da Gala”.

Para pechar a Gala, Ricardo Pardo, da Asociación Potenciemos, pioneira na inclusión sociocultural das persoas con diversidade funcional, presentará o espectáculo de danza moderna “Radiant Killer Riddle”. Ao remate haberá tamén música e petiscos de balde para todas as persoas que se acheguen. O obxectivo do evento é visibilizar ao colectivo das persoas con diversidade funcional, ademais de favorecer a inclusión artística dos integrantes da asociación.

O Concello pon a disposición dos asistentes un servizo de autobús a demanda dende O Milladoiro, que sairá ás 17:15 da Casa dos Maiores e ás 17:30 da Casa da Cultura. Para reservar praza ou para pedir máis información hai que chamar ao número de teléfono 683 327 378.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explica que “nos últimos anos celebramos o Día mundial das persoas con (dis)capacidade cun almorzo co persoal da asociación Arcea Adames. Este ano vamos a dar un paso máis coa organización da primeira edición da Gala da diversidade. O obxectivo é darlle máis visibilidade ao colectivo de persoas que teñen capacidades diferentes. A través desta iniciativa tratamos de potenciar as artes escénicas inclusivas. É unha pena que non se lle dea máis visibilidade e apoio aos colectivos que fan teatro e outras artes escénicas inclusivas porque os seus espectáculos están cargados de sentimentos”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cita con la integración de Arcea Adames a través de la danza y el teatro"

A gala estará protagonizada polos rapaces e rapazas de Arcea Adames

Multimedia

  • A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 2 de decembro, a primeira Gala da diversidade