Solapas principales

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado, 21 de maio, un encontro de grupos locais de música tradicional

Jueves, 19 de mayo de 2022

A Concellaría de Cultura pecha a programación do mes das letras cun concerto–encontro das agrupacións de música e baile tradicional de Ames. Será este sábado, 21 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, coa participación das asociacións culturais Os Castros, Airiños do Paseo do Colón, As Maianas e Retranqueiros. Aínda quedan algúns convites dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns vai acoller este sábado, 21 de maio, un encontro de agrupacións amesáns de música e baile tradicional, que servirá como última actividade da programación do mes das letras en Ames. Participarán as asociacións culturais Os Castros, Airiños do Paseo do Colón, As Maianas e Retranqueiros. Este concerto será o segundo da semana deste tipo, xunto co encontro de escolas municipais de música, que se vai celebrar este venres 20 de maio na praza de Chavián, en Bertamiráns, e no que participarán as escolas municipais de música de Ames, Negreira e Brión.

Orixinalmente, o evento estaba programado para a súa celebración no Nadal, na semana de Reis, xunto ao tradicional encontro das agrupacións corais de Ames, no que participaron os coros de Nosa Señora do Corpiño de Oca, o Lojo Batalla de Tapia, o Parroquial de Piñeiro e Ames, a Polifónica Antonio Santomil de Bugallido e o Son Elas. Finalmente, o concerto aprazouse por mor da situación epidemiolóxica no concello no pasado mes de decembro.

Agora, xa en maio, retómase esta proposta da man do tecido asociativo e cultural de Ames, que pechará o mes das letras de Ames cunha música popular que ten un gran peso e importancia tanto na cultura, na literatura e na lingua galega. En total, espérase que case 50 persoas, entre músicos e grupos de baile, acudan ao acto para actuar como parte das súas respectivas asociacións culturais. Para asistir ao encontro xa se poden retirar de balde os convites, dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Dáte présa se queres dispoñer de entrada, xa que quedan poucas dispoñibles.

Cartel do encontro de grupos locais de música tradicional

Multimedia

  • Cartel do encontro de grupos locais de música tradicional