Solapas principales

A carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta” celebrarase este venres 22 de marzo

Martes, 19 de marzo de 2024

Dende a Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado informan que a carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que estaba prevista para o pasado venres 8 de marzo, celebrarase este venres 22 de marzo. Esta actividade forma parte da programación do Día Internacional da Muller 2024. A proba suspendeuse debido a que a previsión meteorolóxica apuntaba choiva para o pasado 8 de marzo. As inscricións, que son de balde, poden seguir realizándose en liña premendo nesta ligazón.

Este ano celébrase a cuarta edición da carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que tivo unha gran acollida en anos anteriores e contou cunha gran participación. Trátase dunha proba deportiva na que os participantes deberán enfrontarse a nove obstáculos ao longo de 600 metros, que se poden recorrer correndo ou andando, e con ou sen axuda de compañeiros/as. Non se trata dunha cita competitiva, senón dunha proba que busca reivindicar as dificultades ás que se enfrontan todas as mulleres no seu día a día. Cada atranco simbolizará un reto distinto.

O percorrido poderase realizar de maneira individual ou con compañía. Ademais, búscase fomentar a participación do público familiar e propiciar o debate social sobre aspectos como a conciliación ou a corresponsabilidade. Por este motivo, esta carreira está pensada para tódalas persoas maiores de 5 anos. No caso dos menores, deberán acudir acompañados dun adulto.

Este ano a carreira farase na contorna do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Estaba prevista para o pasado venres, 8 de mazo, pero debido á previsión meteorolóxica que apunta choiva para o pasado 8 de marzo, finalmente terá lugar este venres 22 de marzo.

Prazo de inscrición
As persoas que xa estaban inscritas para a carreira que se ía celebrar o 8 de marzo, non é necesario que se volvan a inscribir para participar este venres 22 de marzo. A inscrición, de balde, pode realizarse en liña premendo nesta ligazón, ou ben de forma presencial, nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello, situadas no Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10) e en Bertamiráns (praza de Chavián, s/n). A inscrición telemática estará aberta ata o xoves 21 de marzo, aínda que o propio día da carreira poderanse facer inscricións antes do comezo da proba.

Trala carreira haberá sorteo de agasallos grazas á colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), que colabora nesta iniciativa con diversos premios. Cada participante na carreira participará en dito sorteo co número do seu dorsal.

A carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta” celebrarase este venres 22 de marzo

Multimedia

  • A carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta” celebrarase este venres 22 de marzo