Solapas principales

Carlos Negro presenta en Ames “Non cantan paxaros neste bosque”

Miércoles, 07 de abril de 2021

O pazo da Peregrina acolle o xoves, 8 de marzo, ás 20:00 horas, a presentación de “Non cantan paxaros neste bosque” do escritor e veciño de Ames, Carlos Negro. A obra, publicada pola editorial Xerais na colección de literatura xuvenil “Fora de xogo”, recolle nove contos que o propio autor cualifica como “relatos de medo”. Na presentación, Carlos estará acompañado pola concelleira de Cultura, Natividade González, o ensaísta, tradutor e crítico literario Xosé Antón López Silva e o director de Xerais, Fran Alonso. A entrada ao acto é gratuíta até completar o aforo que é limitado por mor da normativa de prevención da COVID19. O evento encádrase dentro da programación da Biblioteca Municipal de Ames.

Carlos Negro achégase unha vez máis aos lectores e lectoras mozas e desta volta faino a través da narrativa. Nove contos “cargados de lirismo, poesía e unha alta dose de culturalismo no que o lector é interpelado desde a intelixencia, desde a consciencia e desde a consideración de que o futuro está nas súas mans”, en palabras de María Navarro, do Faro de Vigo, compoñen a nova obra do autor lalinense afincado en Ames.

Na presentación do libro fálase do medo: “É hora de experimentar o pracer nada culpable do medo”, e déixanse entrever algúns dos temas e dos escenarios polos que transitan os relatos: “Un xuramento de sangue. O fulgor dunha moeda romana. O voo dunha mosca sobre o mantel da cociña. O rastro dunha nova especie de lesmas. A rutina dun autobús escolar. A transparencia dunha piscina. A soidade dun tobogán. O misterio dunha carta sen remitente. O canto do vento nunha mansión á beira do mar...”

Ademais de participar en varias obras colectivas, Carlos Negro ten publicados unha decena de poemarios, moitos deles dirixidos á mocidade e algún ensaio. Posúe ademais premios tan importantes como o Johán Carballeira, o Fiz Vergara Vilariño o da AELG á mellor obra de literatura infanto-xuvenil e o Xules Vernes de literatura xuvenil. É profesor de literatura e lingua galegas e na actualidade exerce a docencia no IES e Bertamiráns.

Cartaz Carlos Negro

Multimedia

  • Cartaz