- Tematica
Un ano máis, o Concello de Ames, a través do Departamento de Benestar Social e Igualdade, reforzou o seu compromiso fronte a loita contra a violencia machista coa instalación nas festas da Madalena e da Peregrina da Caravana Morada, un espazo de atención, información e sensibilización. En total, máis de 720 persoas se achegaron ata o punto morado durante as dúas xornadas de funcionamento.
Como parte da programación do “Ames en Festas 2025”, o martes 5 de agosto a caravana estivo presente no Milladoiro, coincidindo co derradeiro día das festas da Madalena. O punto situouse nos arredores da Casa da Cultura, nunha xornada que tiña como acto destacado a actuación da orquestra Olympus, que tivo que ser cancelada por causas meteorolóxicas. A celebración foi finalmente amenizada polos DJs Kike Varela e Marcos Magán.
Dous días despois, o xoves 7 de agosto, a Caravana Morada desprazouse ata Bertamiráns con motivo da segunda xornada das festas da Peregrina, instalándose na zona de aparcamento do Pazo da Peregrina, coincidindo coa actuación da orquestra Panorama.
Un espazo seguro e de acompañamento
A Caravana Morada funciona como un espazo seguro e confidencial para ofrecer atención profesional ante posibles situacións de violencia machista durante os eventos festivos. O equipo estivo formado por unha psicóloga especializada en violencia de xénero e unha psicóloga forense, encargadas de ofrecer atención directa ás vítimas, así como de informar e sensibilizar á cidadanía.
O servizo estivo dispoñible en horario ininterrompido de 21:00 a 5:00 horas, con funcións que abrangueron desde a atención psicolóxica e primeiros auxilios lixeiros ata o acompañamento a menores ou persoas en situación de vulnerabilidade.
Durante estas dúas xornadas, a Caravana Morada atendeu a 720 persoas, das cales 320 eran menores, 310 mulleres e 90 homes. Tamén se rexistraron 11 intervencións de primeiros auxilios de baixa intensidade: 2 no Milladoiro e 9 en Bertamiráns.
Entre os servizos máis demandados destacan a carga de teléfonos móbiles, solicitudes de información e axuda sobre os protocolos de actuación ante casos de violencia machista, e o acompañamento a mozas que agardaban por familiares ou amizades.
En comparación co ano 2024, no que as caravanas atenderon a 860 persoas (320 mulleres, 150 homes e 390 menores) e rexistraron 14 intervencións de primeiros auxilios leves, nesta edición de 2025 o número total de atencións reduciuse a 720, cunha lixeira subida na porcentaxe de mulleres atendidas e unha baixada no número de menores. Tamén se observou unha diminución nas incidencias de primeiros auxilios, que pasaron de 14 a 11 casos. Cómpre ter en conta que este ano unha das grandes actuacións programadas, a da orquestra Olympus, foi suspendida por causas meteorolóxicas, o que influíu considerablemente na afluencia de público.
A concelleira de Igualdade, Uxía García, valorou moi positivamente a instalación das caravanas moradas durante as festas da Madalena e da Peregrina, subliñando que “estes espazos convertéronse nun recurso imprescindible para garantir a seguridade e o benestar da cidadanía durante as celebracións multitudinarias”.
Na mesma liña, García destacou que a atención profesional e o labor de sensibilización desenvoltos “non só ofrecen apoio inmediato ás vítimas de violencia machista, senón que tamén contribúen a crear contornas máis respectuosas e libres de agresións”. A edil insistiu na necesidade de manter e reforzar este tipo de dispositivos en eventos públicos, lembrando que “a prevención e a resposta rápida son claves para erradicar a violencia contra as mulleres e protexer ás persoas en situación de vulnerabilidade”.
Incidente durante a xornada do xoves
Cómpre lamentar un incidente acontecido na noite do xoves 7 en Bertamiráns, cando un grupo de menores, de entre 16 e 17 anos, intentou gravar o interior da Caravana Morada mentres se estaba a desenvolver o servizo. Ao ser advertidos da prohibición de realizar ese tipo de accións, o grupo respondeu con comportamentos agresivos, lanzando líquidos e golpeando a instalación, así como increpando ao persoal presente, o que obrigou á interrupción momentánea do servizo e á saída do equipo técnico da unidade.
O Concello de Ames condena firmemente este tipo de actitudes, que atentan contra un espazo pensado para a protección e apoio ás vítimas de violencia machista.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "As caravanas moradas amesás rexistraron máis de 700 visitas"
Diario de Santiago: "As caravanas moradas instaladas durante as festas de Ames ofreceron axuda a máis de 700 persoas"







