Solapas principales

A canle de Ames Radio en Facebook continuará a compartir os vídeos que lle envíe a veciñanza e emitirá podcast das entrevistas que se realicen na radio

Lunes, 22 de junio de 2020

Despois da reapertura da Radio Municipal, hoxe despídese “A fiestra de Nazaret”, o espazo a través do que a xornalista do Servizo de Comunicación do Concello de Ames anunciou os contidos que diariamente se subiron a esta canle de Facebook, creada coa intención de manter a relación coa veciñanza durante o estado de alarma. Emporiso, Ames Radio en Facebook seguirá compartindo todos aqueles vídeos que lles envíen e emitirá podcast dalgunhas das entrevistas que se realicen na radio. Desde a posta en marcha da canle a primeiros de abril, Ames Radio en Facebook emitiu preto de 220 gravacións e chegou a alcanzar 28.000 visualizacións de vídeos á semana. As persoas que queiran seguir contando as súas historias nesta canle, e tamén na radio municipal, poden facelo a través do enderezo electrónico radio@concellodeames.gal e do WhatsApp 662 377 413.

O 6 de abril púñase en marcha Ames Radio en Facebook, unha canle coa que a radio municipal supliu o contacto diario coa veciñanza namentres durou o estado de alarma. En apenas dúas semanas Ames Radio en Facebook acadaba o milleiro de seguidores e moitas das historias que presentou chegaron a ter alcances de máis de tres mil persoas e a seren compartidos en ocasións até un cento de veces.

Desde un primeiro momento, a veciñanza de Ames respondeu á proposta de Ames Radio enviando vídeos onde contaban a súa experiencia no confinamento e máis tarde nas fases de desescalada. Os aplausos das oito, o apoio aos sanitarios e a todos e todas as profesionais que mantiñan a súa actividade durante o estado de alarma, a solidariedade, a “nova educación” a través de vías telemáticas, o traballo das persoas que seguiron en primeira liña atendendo ás necesidades da cidadanía, o comercio, a sanidade, a familia, o deporte na casa e o humor foron algúns dos temas cos que a veciñanza se asomou a esta canle de comunicación virtual.

Ames Radio en Facebook prestou tamén desde o primeiro día unha especial atención á cultura. Todos os días, ás oito da tarde, a canle municipal presentou o vídeo de algún creador ou creadora de Ames. Poetas e novelistas, actores e actrices, artistas plásticos, cantantes, músicos, historiadores... forman parte xa da videoteca de Ames Radio en Facebook e amosan a grande riqueza cultural e creativa da que pode facer gala o Concello de Ames.

Ademais, pola canle veciñal pasaron o alcalde, concelleiros e concelleiras e persoal de distintos departamentos municipais que ofreceron información de servizo e deron conta da actividade que o concello desenvolveu para dar reposta ás necesidades e aos problemas que foron xurdindo durante este período especial.

A concelleira de Comunicación, Natividade González, destaca que “durante o estado de alarma, tanto Ames Radio como as bibliotecas municipais, trasladaron a súa actividade diaria á rede a través de Facebook. A súa labor foi a de tratar de entreter á veciñanza de Ames, mentres tivo que estar confinada nas súas casas. Agora Ames Radio volve a través da súa canle habitual que é o 107.2 da FM. Ademais, Ames Radio en Facebook seguirá compartindo todos aqueles vídeos que lles envíen e emitirá podcast dalgunhas das entrevistas que se realicen na radio”.

Coa reapertura da radio municipal e a incorporación de todo o equipo de comunicación ao seu posto de traballo, Ames Radio en Facebook pasa a ocupar un plano de apoio ás emisións regulares da emisora. A canle continuará activa na rede emitindo os vídeos que a veciñanza queira compartir e subindo podcast dalgunhas das entrevistas que se realicen na radio.

As persoas que queiran colaborar e contar as súas historias, tanto a través da radio como da canle de Facebook, poden poñerse en contacto co servizo a través do enderezo electrónico radio@concellodeames.gal e do WhatsApp 662 377 413.

Estudo de Ames Radio