Solapas principales

A Billeteira cultural do Concello de Ames presenta imaxe renovada para o 2022

Lunes, 20 de diciembre de 2021

As máis de 2.000 persoas que xa están rexistradas na Billeteira electrónica do Concello de Ames poderán ver dende hoxe un novo deseño da web, que engade novas funcionalidades, como a compra de bonos culturais, ou a mellora na navegación pola páxina. A Billeteira mellora desta maneira tanto a súa accesibilidade, con máis facilidades para as persoas con discapacidade visual, como a súa adaptación ás plataformas móbiles, como tablets ou teléfonos. O redeseño presentouse na Casa da Cultura de Bertamiráns, coa intervención da concelleira de Cultura, Natividade González; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, e Brais Martínez, da empresa Sdweb, encargada de de desenvolver a Billeteira.

A Billeteira electrónica do Concello de Ames é unha das aplicacións máis empregadas pola veciñanza amesá, á que con este redeseño se lle pretende facilitar o acceso e a navegación polo portal. O sistema de rexistro e adquisición de entradas e convites será máis sinxelo e intuitivo, e incorpora a capacidade de compra agrupada a través de bonos culturais. Desta maneira, as usuarias e usuarios poderán acceder cun único pagamento a todas as entradas que estean incluídas no bono determinado, unha iniciativa que se estrea coa programación cultural de artes escénicas do primeiro semestre de 2022.

Por primeira vez pódese mercar na Billeteira un bono para ver os 12 espectáculos de teatro para adultos, que se están incluídos na programación cultural do primeiro semestre de 2022. Dende este luns, 20 de decembro, e ata o 4 de xaneiro de 2022 pódese mercar dito bono por un prezo de 30 euros, o que supón un aforro do 50% do custe total das entradas individuais dos 12 espectáculos.

A navegación polo portal tamén será máis rápida e áxil, con melloras no deseño para os dispositivos móbiles, como tablets ou teléfonos, e con facilidades para as persoas con discapacidade visual, respectando os criterios e recomendacións de accesibilidade. Ademais, cada evento cultural contará cun espazo máis amplo para información, unha decisión que vai unida ao traballo no sistema de busca na billeteira, que incorpora filtros por data, lugar de realización, idade recomendada ou xénero da actividade.

A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González explica que “é imprescindibles dispoñer dunha plataforma como A Billeteira para xestionar a venda das entradas dos espectáculos culturais que organizamos ao longo do ano. Dende 2016 xa contamos con esta plataforma pero agora renovamos a súa imaxe e dotámola de máis funcionalidade, algo moi necesario xa que é unha ferramenta que nos últimos tempos se está empregando por todos os departamentos municipais para venda de entradas e convites co fin de controlar os aforos dos diferentes eventos municipais”.

Mellora do sistema de busca

Entre as modificacións que se incorporaron foi a mellora do sistema de busca permitindo filtrar os eventos culturais por data, lugar de realización, idade recomendada ou xénero e os paneis internos e a información que reciben automaticamente os usuarios rexistrados no seus correos electrónicos co obxectivo último de que poidan configurar as súas preferencias e recibir información de interese de xeito periódico.

Así mesmo, amplíase a información de cada un dos eventos culturais e modifícase o sistema de rexistro e adquisición de entradas para facelo máis sinxelo e intuitivo. A nova billeteira cultural do Concello de Ames irá incorporando progresivamente outras melloras co obxectivo último de facilita o acceso e a adquisición e xestión das entradas para os eventos culturais que se celebran nos auditorios do noso Concello.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "A billeteira municipal ten novo deseño e descontos"

A Billeteira cultural do Concello de Ames presenta imaxe renovada para o 2022

Multimedia

  • A Billeteira cultural do Concello de Ames presenta imaxe renovada para o 2022
  • A Billeteira cultural do Concello de Ames presenta imaxe renovada para o 2022
  • A Billeteira cultural do Concello de Ames presenta imaxe renovada para o 2022
  • A Billeteira cultural do Concello de Ames presenta imaxe renovada para o 2022
  • A Billeteira cultural do Concello de Ames presenta imaxe renovada para o 2022