- Tematica
As bibliotecas municipais continúan neste inicio de outono con diferentes actividades para a rapazada de Ames, na que se inclúen varias propostas de animación á lectura. Deste xeito, ao longo desta semana haberá tres sesións de contacontos na biblioteca de Bertamiráns, mentres que a última semana de outubro realizaranse outras tres sesións na biblioteca do Milladoiro. Ademais, co gallo da celebración do Día da Biblioteca o 24 de outubro, terá lugar o obradoiro “Deseña a túa mochila”, que se celebrará o venres 24 no Milladoiro e o sábado 25 en Bertamiráns. As inscricións neste caso poderán realizarse do 13 ao 20 de outubro.
Coa chegada do outono, as bibliotecas municipais retomaron a súa programación habitual para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Por unha banda, hai propostas de animación á lectura para o público infantil, con contacontos e obradoiros, e por outra, tamén hai opcións para o público adulto, cos encontros literarios que comezaron o pasado 9 de outubro coa presentación de Castelao. Construtor da nación, de Miguel Anxo Seixas.
Ao longo do último trimestre do ano, como vén sendo habitual, as bibliotecas amesás celebrarán tres sesións de narrativa oral dirixidas a nenas e nenos de 3 a 8 anos. Serán sempre a partir das 17:30 horas, e realizaranse tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, en días distintos e con datas de inscrición independentes.
Quen se esconde nestes contos?
A primeira actividade dos contacontos será “Quen se esconde nestes contos?”. Realizarase os días 14, 15 e 16 de outubro na biblioteca de Bertamiráns e os días 28, 29 e 30 no Milladoiro. O prazo de inscrición para participar nas sesións de Bertamiráns rematou o 11 de outubro, mentres que para Milladoiro poderase realizar a inscrición do 20 ao 25 de outubro.
Así mesmo, no mes de outubro tamén se celebrará o sorteo dos gañadores da campaña de animación á lectura Superlectores 2025, que se iniciou no pasado mes de abril con motivo do Día do Libro. Os agasallos entregaranse o 24 de outubro, Día da Biblioteca. Con motivo da celebración desta data tan sinalada, as bibliotecas de Ames tamén repartirán os marcapáxinas conmemorativos coas ilustracións das gañadoras da primeira e segunda categoría do concurso de debuxo infantil do Día do Libro 2025.
Contacontos en novembro e decembro
A proposta correspondente ao mes de novembro será “Unha risa de contos”, que se desenvolverá os días 11, 12 e 13 en Bertamiráns e o 25, 26 e 27 de novembro no Milladoiro. Neste caso, as inscricións abrirán do 3 ao 8 de novembro para a actividade en Bertamiráns e do 17 ao 22 de novembro para a sesión no Milladoiro.
Por último, xa no mes de decembro, será a quenda de “Un Nadal entre contos", que terá lugar os días 9, 10 e 11 en Bertamiráns e o 16, 17 e 18 de decembro no Milladoiro. Neste caso, as inscricións abrirán do 1 ao 5 de decembro para a actividade en Bertamiráns e do 9 ao 13 de decembro para a sesión no Milladoiro.
Obradoiros para a rapazada de 3º a 6º de primaria
Ademais das sesións de narrativa oral, as bibliotecas organizan tamén dous obradoiros para as crianzas de 3º a 6º de primaria. Neste caso, as propostas celebraranse sempre os venres ás 17:00 no Milladoiro, e os sábados ás 11:30 horas en Bertamiráns.
Co gallo da celebración do Día da Biblioteca o 24 de outubro, terá lugar o obradoiro “Deseña a túa mochila”, que se celebrará o venres 24 no Milladoiro e o sábado 25 en Bertamiráns. As inscricións neste caso poderán realizarse do 13 ao 20 de outubro.
Xa no mes de novembro, desenvolverase unha das actividades que conmemoran o Ano Castelao que se celebra neste 2025 con motivo do 75º aniversario da súa morte. Deste xeito, as bibliotecas municipais acollerán o obradoiro “Pequenos artistas. Descubrindo a Castelao”. Realizarase o venres 21 no Milladoiro e o sábado 22 en Bertamiráns. As inscricións estarán abertas do 10 ao 17 de novembro.
Para concluír as propostas de animación á lectura, en decembro terá lugar un obradoiro de Nadal, que se celebrará o venres 12 no Milladoiro e o sábado 13 en Bertamiráns. As inscricións neste caso poderán realizarse do 1 ao 9 de decembro.
Novas relacionadas:
AMSGO!: "Novas sesións de contacontos nas bibliotecas municipais"
Xornal de Compostela: "As bibliotecas municipais de Ames programan contacontos e obradoiros de animación á lectura ata decembro"







