Solapas principales

As bibliotecas municipais programan para o mes de marzo novos contacontos, obradoiros, e a presentación do novo libro de Alfredo Conde

Martes, 03 de marzo de 2020

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames arranca o mes de marzo con novas actividades na súa programación, que abarcan todos os públicos. Esta semana desenvolveranse dúas sesións de contacontos conmemorando o Día Internacional da Muller en ambas as dúas bibliotecas, xunto coa presentación do novo libro de Alfredo Conde o xoves, 5 de marzo, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

O novo mes de marzo arranca con novas actividades das bibliotecas municipais. Esta semana, máis concretamente o mércores 4 e o xoves 5 de marzo, desenvolveranse dúas sesións do contacontos “Contos en lila”, conmemorando o Día Internacional da Muller que se celebra o próximo domingo 8 de marzo. O día 4 será na Biblioteca de Bertamiráns, mentres que o día 5 desenvolverase na Biblioteca do Milladoiro. Ambas sesións son á mesma hora: 17.30 horas. Haberá un pequeno agasallo para os asistentes.

Estas sesións de contacontos teñen como obxectivo rematar cos estereotipos que xiran arredor das nenas, ao igual que deixar de lado os contos tradicionais de princesas e abrir o abano a outro tipo de historias de mulleres empoderadas.

Ademais, engadir que durante todo este mes de marzo, en conmemoración do 8M, haberá unha exposición de títulos de lecturas orientados á igualdade. Trátase dunha colección de máis de 100 títulos, destinados a todas as idades, dispoñible en ambas as dúas bibliotecas.

Presentación do libro “Homes de ferro”, de Alfredo Conde
Tamén o xoves 5 de marzo, terá lugar a presentación do libro de Alfredo Conde, “Homes de ferro”, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20.30 horas. En dita presentación estarán acompañando ao autor, José Miñones, alcalde de Ames, Natividade González, concelleira de Cultura, Xosé Antonio López Silva, profesor e tradutor, Manuel Lara, presidente de Buxa e Alejandro Diéguez, editor.

“Homes de ferro” é unha obra que trata a peregrinación por mar desde Irlanda a Santiago, de Ézaro Ediciones, que se encadra dentro dunha iniciativa que forma parte do programa para a promoción do Xacobeo por parte da Xunta de Galicia. A historia de catro homes que se embarcan nesta peregrinación marítima dende Irlanda a Santiago, a bordo do Naomh Gobnait, unha embarcación de madeira reconstruída.

Obradoiro de filosofía “O porqué das cousas?”
As bibliotecas municipais de Ames tamén acollerán durante este mes un obradoiro e filosofía para nenas e nenos: “O porqué das cousas?”. A actividade desenvolverase o venres 13 de marzo na Biblioteca do Milladoiro, ás 18.00 horas, e o sábado 14 de marzo na Biblioteca de Bertamiráns ás 12.00 horas.

Trátase dunha actividade lúdica que con imaxes e audiovisuais vai permitir a interacción entre os participantes. No obradoiro, trataranse preguntas sobre a vida: porqué nacemos, porqué nos namoramos... e está destinado a nenas e nenos de 3º a 6º de primaria.

As prazas son limitadas (10 participantes), polo que se require inscrición previa enviando un correo electrónico a biblioteca@concellodeames.gal. O prazo para facelo é do 2 ao 10 de marzo.

Coñeces estes contos?
As últimas dúas sesións de contacontos programadas para o mes de marzo son “Coñeces estes contos?”, unha actividade destinada a nenos e nenas entre 3 a 8 anos. Haberá dúas sesións, o martes 17 de marzo na Biblioteca de Bertamiráns e o mércores18 na Biblioteca do Milladoiro. Ambos días son ás 17.30 horas.

Para máis información sobre calquera das actividades, pódese enviar un correo electrónico a biblioteca@concellodeames.gal, ou chamar aos teléfonos 981 530 807 (Biblioteca do Milladoiro)/ 981 884 829 (Biblioteca de Bertamiráns).

Cartel programación de marzo bibliotecas

Multimedia

  • Cartel programación de marzo bibliotecas