- Tematica
O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames, enmarcado dentro da Concellería de Cultura, Turismo, Axenda Urbana e Comunicación, vén de anunciar a programación de actividades que se levará a cabo nas bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns durante os primeiros seis meses do ano 2026, na que se inclúe as actividades de contacontos e uns obradoiros lúdicos para os máis cativos de Ames.
As bibliotecas de Ames, no seu compromiso co fomento do hábito lector entre a veciñanza infantil, vén de anunciar a programación para este primeiro semestre do ano na que destaca a xa habitual actividade de contacontos para nenas e nenos de 3 a 8 anos e un obradoiro para rapazas e rapaces de 3º de primaria en diante.
Ademais, dende o 1 de marzo ao 20 de abril celebrarase o V Concurso de Debuxo. O concurso estará dividido en tres categorías de participación: na 1ª inclúense alumnos e alumnas do primeiro ciclo de primaria; na 2ª, o alumnado do segundo ciclo de primaria; na 3ª, o alumnado de ESO. Os premios serán un lote de libros para os gañadores ou gañadoras de todas as categorías , e ser o debuxo do marcapáxinas conmemorativo do Día da Biblioteca, para a 1ª e a 2ª categoría; e ser o debuxo que apareza no cartel da biblioteca do curso seguinte, para a 3ªª.
Contacontos
A actividade de contacontos está dirixida a cativos e cativas de 3 a 8 anos e celebrarase unha vez ao mes en cada unha das bibliotecas do concello durante tres tardes consecutivas. O obxectivo é fomentar nas crianzas unha escoita activa a través da narración oral e introducilas no mundo da lectura coa biblioteca como espazo físico e mediador. A promoción do idioma tamén terá un gran peso durante estas sesións.
En canto á temática e bibliografía escollidas durante estes meses, estas van responder sempre aos intereses, curiosidades e motivacións propias da infancia. Dita selección bibliográfica vai seguir sempre criterios literarios, artísticos e demais intereses que poidan impactar de maneira positiva no desenvolvemento das nenas e nenos.
Obradoiros
Do mesmo xeito que cos contacontos, as bibliotecas municipais acollerán unha vez ao mes unha serie de obradoiros, dirixidos a rapazas e rapaces de 3º de primaria en diante, ligados ás datas que conmemora o Calendario do Libro e da Lectura elaborado pola Lei do libro e da lectura de Galicia para fomentar a lectura e a normalización lingüística dende un plano artístico e lúdico.
No mes de febreiro, a temática do obradoiro irá dirixida a conmemorar o Día de Rosalía; en marzo, celebrarase o Día do Teatro; en abril, as creacións estarán enfocadas no Día do Libro; e en maio, como non podía ser doutro xeito, conmemorarase o Día das Letras Galegas.
Inscricións
As persoas interesadas en participar deberán anotarse previamente no prazo indicado para cada un dos contacontos e obradoiros. Pode facerse chamando ao teléfono 981 884 829, para Bertamiráns, ao 981 53 08 07, para a biblioteca do Milladoiro, ou enviando un correo electrónico a biblioteca@concellodeames.gal indicando nomes, apelidos e idade das crianzas que participarán nas sesións xunto cun número de teléfono de contacto.
















