Solapas principales

As bibliotecas municipais organizan obradoiros, reparto de marcapáxinas e a entrega de premios de Superlectores polo Día das Bibliotecas

Miércoles, 22 de octubre de 2025

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames prepara co gallo da celebración do Día das bibliotecas varias actividades. Impartirase o obradoiro “Deseña a túa mochila” o venres 24, ás 17:00h, na biblioteca do Milladoiro, e o sábado 25, ás 11:30h, na biblioteca de Bertamiráns. Tamén se fará reparto de marcapáxinas cos debuxos gañadores do concurso de debuxo celebrado en abril con motivo do Día do Libro e entregaranse os premios da campaña de Superlectores.

O Día Mundial das Bibliotecas celébrase o 24 de outubro para conmemorar a destrución da Biblioteca de Saraxevo en 1992 e para resaltar a importancia das bibliotecas na conservación da cultura e o fomento da lectura. Foi establecido en 1997 pola Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil e o Ministerio de Cultura de España.

Debido á celebración de dita efeméride o departamento de Bibliotecas do Concello de Ames organiza obradoiros en Bertamiráns e no Milladoiro, reparto de marcapáxinas e farase entrega de lotes de libros ás persoas gañadoras da campaña Superlectores.

Deste xeito, este venres 24, ás 17:00h, na biblioteca do Milladoiro, e o sábado 25, ás 11:30h, na biblioteca de Bertamiráns, vaise a realizar o obradoiro “Deseña a túa mochila”. Os/as nenos/as que participen neste obradoiro decorarán unha mochila na que poderán gardar os libros que leven en préstamo das bibliotecas. Para participar nesta actividade era preciso inscribirse previamente do 13 ao 20 de outubro.

Ademais, estes días farase o reparto de marcapáxinas cos debuxos gañadores do concurso de debuxo celebrado en abril con motivo do día do Libro. Cómpre lembrar que na primeira categoría o debuxo gañador foi o de Antía Torres, mentres que na segunda categoría a gañadora foi Carla Pombo.

Campaña Superlectores
Por outra banda, o departamento de Bibliotecas puxo en marcha un ano máis a iniciativa “Superlectores”, que acadou un gran éxito en edicións anteriores. Con esta campaña, as bibliotecas municipais buscan poñer en valor ao seu público máis fiel, ao tempo que presentan o seu fondo ás persoas que aínda que non o coñecen.

“Superlectores” está dirixido tanto ao público infantil como aos adultos. Polo tanto, existen dúas categorías (unha para persoas menores de 14 anos e outra para maiores de 14 anos). Cada usuario e usuaria pode conseguir unha tarxeta de Superlector ou Superlectora (de cor branca para a categoría infantil e de cor laranxa para a categoría de adultos), solicitándoa nas instalacións das bibliotecas municipais.

Os/as usuarios/as van recibindo un selo por cada préstamo que soliciten nas bibliotecas amesás. Este ano a campaña rematou o pasado 30 de setembro. Unha vez cheas, as tarxetas recolléronse para así facer o sorteo dun lote de libros, que se realizou o pasado 13 de outubro. Agora, este venres 24 de outubro, con motivo do Día das Bibliotecas, o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, fará entrega dos lotes de libros ás persoas gañadoras. Repartiranse catro lotes infantís e tres de adultos en cada unha das bibliotecas.

As bibliotecas municipais organizan obradoiros, reparto de marcapáxinas e a entrega de premios de Superlectores polo Día das Bibliotecas

Multimedia

  • As bibliotecas municipais organizan obradoiros, reparto de marcapáxinas e a entrega de premios de Superlectores polo Día das Bibliotecas
  • As bibliotecas municipais organizan obradoiros, reparto de marcapáxinas e a entrega de premios de Superlectores polo Día das Bibliotecas
  • As bibliotecas municipais organizan obradoiros, reparto de marcapáxinas e a entrega de premios de Superlectores polo Día das Bibliotecas