Solapas principales

As bibliotecas municipais ofrecen actividades e recursos para incentivar a lectura desde a casa durante o confinamento

Martes, 31 de marzo de 2020

Refuxiarse na lectura, acceder a xogos en familia, descubrir recursos e actividades relacionados co teatro, a arte ou o cine, gozar de sesións de contacontos… Son moitas as actividades que, desde as bibliotecas municipais de Ames, se seguen a ofrecer durante estes días de estado de alarma. Co fin de manter o contacto coa comunidade de usuarios e usuarias das bibliotecas durante o confinamento, desde as bibliotecas municipais séguese a traballar desde a súa páxina de Facebook. A través deste perfil, podemos atopar diariamente recomendacións literarias, recursos dixitais de interese para as familias ou a difusión de inicitaivas que naceron co motivo do confinamento.

Entre os fins das bibliotecas públicas está o fomento da educación, do lecer e da cultura e, por iso, desde as bibliotecas de Ames estanse a publicar durante estes días de confinamento recursos e ideas para que facer máis levadeira a estancia na casa e para que as familias podan continuar utilizando os recursos aos que teñen acceso durante todo o ano. Así, os máis pequenos da casa teñen a oportunidade de seguir participando das sesións de contacontos que tanta aceptación teñen ao longo do curso. Os luns, mércores e venres, as animadoras á lectura das bibliotecas municipais ofrecen A hora do conto, con diferentes sesións dirixidas aos nenos e nenas.

Asemade, a través do Facebook das bibliotecas municipais, as familias atoparán acceso a diferentes plataformas de lectura electrónica, recursos para medrar en galego destinados aos máis pequenos da casa, xogos para toda a familia, recomendacións de lectura, recursos dixitais de interese e a difusión de iniciativas que naceron con motivo do confinamento.

Un poema na túa voz
Outra das actividades á que podemos ter acceso a través das bibliotecas de Ames e o concurso Un poema na túa voz, que a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil propuxo este ano para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil. O concurso está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 14 anos e ten por obxectivos incentivar a lectura do xénero poético entre o lectorado infantil e xuvenil; estimular a expresión oral en lingua galega; e contribuír á divulgación da creación poética de autoras e autores galegos. Neste concurso premiaranse as gravacións de poemas galegos na voz de lectoras e lectores de 6 a 14 anos. Para participar, os rapaces e rapazas interesadas deberán mandar os audios ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal en formato WAV ou MP3.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca que “desde as bibliotecas municipais xogamos un papel moi importante nesta situación tan especial que estamos a vivir, polo que seguiremos achegando recursos e iniciativas a todas as familias e, especialmente, aos máis pequenos e pequenas da casa. É fundamental que non se perda ese contacto coas bibliotecas, polo que poderemos seguir gozando das sesións de contacontos, que tanta aceptación teñen en Ames, así como diferentes recursos e iniciativas para tentar, entre todos e todas, levar o mellor posible estes días de confinamento”.

biblioteca_municipal1