Solapas principales

As bibliotecas municipais de Bertamiráns e Milladoiro ofrecerán os servizos da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX)

Martes, 09 de julio de 2013

[09-07-2013] Desde este mes de xullo, as bibliotecas municipais do Concello de Ames, situadas en Bertamiráns e no Milladoiro, ofrecerán ós mozos e mozas os servizos da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). Deste xeito, as persoas interesadas poderán recabar nas bibliotecas toda a información que necesiten sobre cuestións e servizos relacionados coa xuventude e facer todos os trámites para obter o Carné Xove.

As bibliotecas municipais acollerán este servizo da OMIX de xeito temporal, polo menos ata o inicio do vindeiro ano. Durante a tempada de verán, ofrecerase este servizo no horario de apertura das bibliotecas, que é de 09:00 a 14:00 horas. Unha vez rematado o período estival, os servizos da OMIX prestaranse no novo horario das bibliotecas, que estarán abertas entre as 08:30 e as 21:00 horas. Deste xeito, os mozos e mozas poderán facer as súas xestións e recabar información polas tardes, nun horario máis amplo e adaptado ás súas necesidades ante as dificultades para acceder a estes servizos pola mañá.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil é un servizo dirixido á mocidade, que funciona como un recurso e un instrumento municipal de información, consulta e asesoramento para os mozos e mozas, en cuestións de ocio e tempo libre, convocatorias, cursos, formación, axudas, vivenda, voluntariado, asociacionismo ou campamentos.

Ademais de toda esta información de interese xuvenil, nas bibliotecas municipais, ao igual que na OMIX, tamén se poderá obter o Carné Xove, así como participar nos programas tanto municipais como doutros organismos públicos destinados á mocidade.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "As bibliotecas municipais de Bertamiráns e Milladoiro ofrecerán os servizos da Oficina Municipal de Información Xuvenil"