Solapas principales

As bibliotecas de Ames presentan a súa programación para os derradeiros meses do ano

Martes, 16 de septiembre de 2025

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames vén de anunciar a súa programación para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro, e que, nesta ocasión, ademais dos habituais obradoiros e sesións de narrativa oral para os máis pequenos que se desenvolverán tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns, presenta varias novidades. A programación comezará o vindeiro 23 de setembro, coa actividade de contos e música “Grandes éxitos 2004-2024” de Caxoto e que terá lugar na biblioteca de Bertamiráns. A ilustración central do cartel xeral do curso 2025/2026 foi elaborada por Amalia María Castro Rey, gañadora da terceira categoría do concurso de debuxo infantil organizado polas bibliotecas con motivo do Día do Libro.

Coa volta ás aulas e a chegada do outono, as bibliotecas municipais tamén retoman a súa programación habitual para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Por unha banda, hai propostas de animación á lectura para o público infantil, con contacontos e obradoiros, e por outra, tamén hai opcións para o público adulto, cos encontros literarios. Ademais das clásicas actividades, desta volta incorporan novas propostas para este mes de setembro e comezos do mes de outubro. 

O conxunto de actividades foi presentado na biblioteca de Bertamiráns, nun acto no que participaron Blas García, alcalde de Ames e responsable do departamento de Bibliotecas; e Bibiana Calvo e Divina Fernández, persoal e animadoras á lectura das bibliotecas municipais. 

A animadora á lectura das bibliotecas municipais, Bibiana Calvo, explicou que “este ano imos comenzar a programación en setembro e, en vez de empezar cos nosos contacontos, que ademais volven a ser quincenais, imos ter unha actividade de contos e música en Bertamiráns o martes 23, con Caxoto, e o mércores 24 no Milladoiro, unha actividade de contacontos con teatro de Cristina Collazo. Despois, en outubro, os días 1 e 2, teremos unha actividade dos Bolechas, que estarán en Ames para presentar o seu novo proxecto”. 

Pola súa banda, Divina Fernández, tamén animadora á lectura das bibliotecas municipais, resaltou unha das opcións dirixidas para o público adulto, os Encontros Literarios, “é unha actividade que leva uns cantos anos en funcionamento e que consideramos que é un vehículo ideal para dar a coñecer a todos os escritores noveis da comarca. O traballo editorial e conseguir publicar non é sempre fácil, polo que é unha iniciativa que axuda e impulsa a darse a coñecer entre o público”. 

Por outra banda, o alcalde e responsable do departamento de Bibliotecas, Blas García, puxo en valor que ”en Ames somos un dos concellos nos que máis librerías hai, e é probable que en parte sexa por todo o traballo que se leva facendo desde as bibliotecas municipais nestes últimos anos para conseguir que a veciñanza se achegue á lectura. Ademais, cómpre destacar que cando sacamos os ‘Bonos Consuma’, as librerías son dos comercios que máis facturan con eses cheques, o que demostra o interese que hai en Ames pola lectura”. 

Para reservar praza nas sesións de animación á lectura, de aforo limitado, é preciso poñerse en contacto co departamento de Bibliotecas de Ames, a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. Por outra banda, pódese solicitar a inscrición falando directamente coa biblioteca á que se desexe asistir: para a biblioteca do Milladoiro, consultando no 981 53 08 07, e para a de Bertamiráns, chamando ao 981 88 48 29.

Sesións de contacontos para crianzas de 3 a 8 anos
Ao longo do último trimestre do ano, como vén sendo habitual, as bibliotecas amesás celebrarán tres sesións de narrativa oral dirixidos a nenas e nenos de 3 a 8 anos. Serán sempre a partir das 17:30 horas, e realizaranse tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, en días distintos e con datas de inscrición independentes. 

A novidade deste ano con respecto ás sesións de contacontos atoparémola neste mes de setembro, na que teremos dúas propostas diferentes e lúdicas para animar ás crianzas a iniciarse na lectura. Por unha banda, o martes 23 chegará á biblioteca de Bertamiráns “Grandes éxitos 2004-2024” de Caxoto, unha actividade na que dun xeito participativo e divertido, se mesturan cantigas, contos, música e xogos. No día seguinte, mércores 24, será a quenda no Milladoiro de “A alquimista” de Cristina Collazo, unha proposta na que se unifican os contos e o teatro cun carácter didáctico, 

Por outra banda, antes de dar comezo coas sesións de contacontos, os días 1 e 2 de outubro haberá unha presentación do novo libro da familia dos Bolechas, “Os Bolechas. Familias acolledoras”, co que se pretende dinamizar o uso da lingua galega xunto con sensibilizar e visibilizar os procesos de acollida familiar. 

A continuación, dará comezo a primeira actividade dos contacontos, que será “Quen se esconde nestes contos?”, que terá lugar os días 14, 15 e 16 de outubro na biblioteca de Bertamiráns e os días 28, 29 e 30 no Milladoiro. As inscricións para participar na sesión de Bertamiráns estarán abertas do 6 ao 11 de outubro. Pola súa banda, para Milladoiro poderase realizar a inscrición do 20 ao 25  de outubro.

Así mesmo, no mes de outubro tamén se celebrará o sorteo dos gañadores da campaña de animación á lectura Superlectores 2025, que se iniciou no mes de abril con motivo do Día do Libro. Os agasallos entregaranse o 24 de outubro, Día da Biblioteca. Con motivo da celebración desta data tan sinalada, as bibliotecas de Ames tamén repartirán os marcapáxinas conmemorativos coas ilustracións das gañadoras da primeira e segunda categoría do concurso de debuxo infantil do Día do Libro 2025.

A proposta correspondente ao mes de novembro será “Unha risa de contos”, que se desenvolverá os días 11, 12 e 13 en Bertamiráns e o 25, 26 e 27 de novembro no Milladoiro. Neste caso, as inscricións abrirán do 3 ao 8 de novembro para a actividade en Bertamiráns e do 17 ao 22 de novembro para a sesión no Milladoiro.

Por último, xa no mes de decembro, será a quenda de “Un Nadal entre contos", que terá lugar os días 9, 10 e 11 en Bertamiráns e o 16, 17 e 18 de decembro no Milladoiro. Neste caso, as inscricións abrirán do 1 ao 5 de decembro para a actividade en Bertamiráns e do 9 ao 13 de decembro para a sesión no Milladoiro.

Obradoiros para a rapazada de 3º a 6º de primaria
Ademais das sesións de narrativa oral, as bibliotecas organizan tamén dous obradoiros para as crianzas de 3º a 6º de primaria. Neste caso, as propostas celebraranse sempre os venres ás 17:00 no Milladoiro, e os sábados ás 11:30 horas en Bertamiráns.  

Co gallo da celebración do Día da Biblioteca o 24 de outubro, terá lugar o obradoiro “Deseña a túa mochila”, que se celebrará o venres 24 no Milladoiro e o sábado 25 en Bertamiráns. As inscricións neste caso poderán realizarse do 13 ao 20 de outubro.

Xa no mes de novembro, desenvolverase unha das actividades que conmemoran o Ano Castelao que se celebra neste 2025 con motivo do 75º aniversario da súa morte. Deste xeito, as bibliotecas municipais acollerán o obradoiro “Pequenos artistas. Descubrindo a Castelao”. Realizarase o venres 21 no Milladoiro e o sábado 22 en Bertamiráns. As inscricións estarán abertas do 10 ao 17 de novembro. 

Para concluír as propostas de animación á lectura, en decembro terá lugar un obradoiro de Nadal, que se celebrará o venres 12 no Milladoiro e o sábado 13 en Bertamiráns. As inscricións neste caso poderán realizarse do 1 ao 9 de decembro.

Campaña Superlectores
Por outro lado, o departamento de Bibliotecas puxo en marcha un ano máis a iniciativa “Superlectores”, que acadou un gran éxito en edicións anteriores. Coa campaña, as bibliotecas municipais buscan poñer en valor ao seu público máis fiel, ao tempo que presentan o seu fondo ás persoas que aínda que non o coñecen.

“Superlectores” diríxese tanto ao público infantil como aos adultos. Polo tanto, establécense tamén dúas categorías (unha para persoas menores de 14 anos e outra para maiores de 14 anos). Cada usuario e usuaria poderá conseguir unha tarxeta de Superlector ou Superlectora (de cor branca para a categoría infantil e de cor laranxa para a categoría de adultos), solicitándoa nas instalacións das bibliotecas municipais. 

Os/as usuarios/as irán recibindo un selo por cada préstamo que soliciten nas bibliotecas amesás. O derradeiro día no que se selarán tarxetas será o 30 de setembro. Unha vez cheas, as tarxetas recolleranse para así entrar no sorteo dun lote de libros, que se fará o 24 e outubro con motivo do Día da Biblioteca.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Ames multiplica actividades para animar a leer en sus bibliotecas"

El Correo Gallego: "As bibliotecas de Ames presentan a súa programación para o outono"

As bibliotecas de Ames presentan a súa programación para os derradeiros meses do ano

Multimedia

  • As bibliotecas de Ames presentan a súa programación para os derradeiros meses do ano
  • As bibliotecas de Ames presentan a súa programación para os derradeiros meses do ano
  • As bibliotecas de Ames presentan a súa programación para os derradeiros meses do ano