- Tematica
O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames vén de anunciar a súa programación para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro, e que ademais dos habituais obradoiros e sesións de narrativa oral para os máis pequenos, que se desenvolverán tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns, inclúe obradoiros creativos e lúdicos que están pensados para conmemorar e traballar aquelas datas sinaladas no calendario do libro e da lectura. A programación comezará os días 29 e 30 de setembro, con Contos con miga, de Migallas, e Contos con xeito, de Bea Campos. As ilustracións centrais do cartel xeral do curso 2026/2027 foron elaboradas por Marcela López Leal e Elvia Pérez Álvarez, gañadoras da terceira categoría do concurso de debuxo organizado polas bibliotecas con motivo do Día do Libro 2026.
Coa volta ás aulas e a chegada do outono, as bibliotecas municipais tamén retoman a súa programación habitual para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Por unha banda, hai propostas de animación á lectura para o público infantil de 2 a 8 anos, con contacontos, e por outra, tamén hai obradoiros para a rapazada que cursa desde 3º de primaria en diante.
O cartel con código QR, a través do que os usuarios e usuarias poden ir actualizando a información sobre estas actividades, leva impreso o debuxo das dúas gañadoras da 3ª categoría do concurso de debuxo infantil que as bibliotecas organizaron no mes de abril, para celebrar o Día do Libro. Os debuxo dos gañadores da 1ª e 2ª categoría poderán desfrutarse nos marcapáxinas cos que as bibliotecas agasallarán aos usuarios no Día da Biblioteca, o vindeiro 24 de outubro.
Presentación da programación
O conxunto de actividades foi presentado esta mañá na biblioteca do Milladoiro, nun acto no que participaron Blas García, alcalde de Ames e responsable do departamento de Bibliotecas; e Bibiana Calvo, persoal e animadora á lectura das bibliotecas municipais.
O alcalde e responsable do departamento de Bibliotecas, Blas García, destacou que “con estas actividades buscamos, por un lado, como obxectivo principal, abrir as bibliotecas para que os veciños e as veciñas de Ames, sobre todo os máis pequenos, se acheguen e participen; e por outra banda promocionar e difundir a nosa lingua, que a xente que non fala en galego habitualmente dea o paso de ler no noso idioma. Tamén me gustaría destacar o fermoso cartel que temos este ano, con dous debuxos fantásticos cos que quedei abraiado pola calidade artística que teñen. É moi importante poñer en valor todo este traballo que fai a mocidade de Ames”.
A animadora á lectura das bibliotecas municipais, Bibiana Calvo, explicou que “este mes de setembro a programación inaugurarase cun contacontos de Migallas e outro de Bea Campos. A partir do mes de outubro xa comezarán as sesións habituais a cargo das animadoras á lectura municipais, que se realizan unha vez ao mes en cada unha das dúas bibliotecas durante tres tardes consecutivas para que os participantes poidan escoller. Estas sesións están pensadas para fomentar a escoita activa, a través da narración oral na nosa lingua, fomentar o hábito lector, a través dos contos, e facer da biblioteca un espazo vivo e dinámico aberto a cidadanía”.
Para reservar praza nas sesións de animación á lectura, de aforo limitado, é preciso poñerse en contacto co departamento de Bibliotecas de Ames, a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. Por outra banda, pódese solicitar a inscrición falando directamente coa biblioteca á que se desexe asistir: para a biblioteca do Milladoiro, consultando no 981 53 08 07, e para a de Bertamiráns, chamando ao 981 88 48 29.
Sesións de contacontos para crianzas de 3 a 8 anos
Este mes de setembro a programación inaugurarase cos contacontos de Migallas, Contos con Miga, o día 29 de na biblioteca de Bertamiráns; e con outra sesión de contos de Bea Campos, Contos con xeito, o día 30 na biblioteca do Milladoiro. Ademais, a partir do mes de outubro, como vén sendo habitual, as bibliotecas amesás celebrarán tres sesións de narrativa oral dirixidos a nenas e nenos de 3 a 8 anos. Serán sempre a partir das 17:30 horas, e realizaranse tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, en días distintos e con datas de inscrición independentes.
Deste xeito, en outubro realizaranse as sesións de Contos agarimosos, en Bertamiráns os días 13, 14 e 15, e no Milladoiro terán lugar os días 20, 21 e 22. Para o mes de novembro están previstas as sesións de Contos estraños, os días 10, 11 e 12 na biblioteca de Bertamiráns, e os días 17,18 e 19 na biblioteca do Milladoiro. Por último, no mes de decembro celebraranse as sesión de Un Nadal entre contos, os días 1, 2 e 3 en Bertamiráns, e os días 15, 16 e 17 no Milladoiro. Para participar nestas sesións de contos é necesario inscribirse previamente.
Obradoiros para a rapazada de 3º a 6º de primaria
Tamén en outubro comezarán os obradoiros creativos e lúdicos para os nenos e nenas que cursan desde 3º de primaria en diante, e que están pensados para conmemorar e traballar aquelas datas sinaladas no calendario do libro e da lectura. Así en outubro celebrarase o Día da Biblioteca cun obradoiro para iniciarse na técnica lettering, tamén coñecida como rotulación, que consiste en debuxar as letras ao mesmo tempo que se exercita o dominio da ortografía, amplíase o vocabulario, favorecendo a concentración e a relaxación.
En novembro celébrase o Mes da Ciencia en galego nas Bibliotecas e por iso, as bibliotecas municipais propoñen un obradoiro de robótica creativa onde os/as participantes aprenderán de forma lúdica conceptos básicos de programación, robótica e electrónica. Por último, no mes de decembro desenvolverase o tradicional obradoiro de manualidades de Nadal. Os/as participantes en todos estes obradoiros levarán sempre o resultado do seu traballo para a casa e así poder compartir coas familias as súas creacións. Para participar nos obradoiros tamén é necesario inscribirse previamente.
Campaña Superlectores
Por outro lado, o departamento de Bibliotecas puxo en marcha un ano máis a iniciativa “Superlectores”, que acadou un gran éxito en edicións anteriores. Coa campaña, as bibliotecas municipais buscan poñer en valor ao seu público máis fiel, ao tempo que presentan o seu fondo ás persoas que aínda que non o coñecen.
“Superlectores” diríxese tanto ao público infantil como aos adultos. Polo tanto, establécense tamén dúas categorías (unha para persoas menores de 14 anos e outra para maiores de 14 anos). Cada usuario e usuaria poderá conseguir unha tarxeta de Superlector ou Superlectora (de cor branca para a categoría infantil e de cor laranxa para a categoría de adultos), solicitándoa nas instalacións das bibliotecas municipais.
Os/as usuarios/as irán recibindo un selo por cada préstamo que soliciten nas bibliotecas amesás. O derradeiro día no que se selarán tarxetas será o 13 de outubro. Unha vez cheas, as tarxetas recolleranse para así entrar no sorteo dun lote de libros, que se entregará o sábado 24 de outubro con motivo do Día da Biblioteca.
Ademais, o 24 de outubro con motivo do Día da Biblioteca, entregaráselle aos usuarios/as das bibliotecas municipais, marcapáxinas cos debuxos dos gañadores da 1º e 2º categoría do V Concurso de debuxo infantil do Día do Libro.






