Solapas principales

A Biblioteca Municipal retoma o programa de “Encontros Literarios en Ames” coa presentación do libro de Salvador Lladó sobre a emerxencia climática

Martes, 19 de octubre de 2021

Os “Encontros Literarios en Ames” retoman a súa andaina coa presentación do libro de Salvador Lladó “A bolsa ou a vida, o 99% contra a emerxencia climática”, que terá lugar o vindeiro xoves, 21 de outubro, ás 20:00 no Pazo da Peregrina.  Os encontros, que terán lugar cada dous xoves, enmárcanse no Programa de Animación á Lectura da Biblioteca Municipal de Ames, dirixido a público adulto. A entrada é libre e gratuíta até completar aforo.

A Biblioteca Municipal de Ames reedita o programa de “Encontros literarios” aos que acudirán tanto autores consagrados como noveis e se presentarán proxectos editoriais de interese polo seu contido e actualidade. Para este trimestre está prevista a presenza de Emma Pedreira, Alfredo Conde e Xosé Luis Santos Cabanas.

A primeira sesión celebrarase o 21 de outubro. Estará protagonizado por Salvador Lladó e o seu estudo “A bolsa ou a vida, o 99% contra a emerxencia climática”, publicado por Catro Ventos Editora. Salvador é doutor en microbioloxía ambiental e biotecnoloxía pola Universidade de Barcelona e nesta obra presenta, dunha forma clara, didáctica e amena, diferentes perspectivas da actual crise ecolóxica: desde a causa central que sitúa na necesidade imperiosa de medrar do noso sistema económico, até o principal síntoma, a emerxencia climática, posta ademais aquí en relación coa pandemia da covid-19, e toda unha serie de propostas políticas -ecosocialismo, Green New Deal, decrecemento- que nacen da necesidade de lle pór freo a un ritmo de produción e destrución da natureza sen precedentes.

A presentación de Salvador Lladó será telemática. O autor estará en Catalunya, namentres que no pazo da Peregrina estará o profesor Manuel Casal, veciño de Ames e prologuista da obra; Casal é un dos referentes galegos no movemento polo decrecemento, autor de varios blogs e artigos sobre a materia, colaborador de El Salto Diario, editor da Revista 15/15/15, referente estatal das propostas decrecentistas e creador e condutor do programa "Vivirmos nun mundo finito", emitido dentro da programación de "Radio Cidadá" da Radio Municipal de Ames. Tamén acompañará ao autor Patricia Buxán, tradutora e editora de Catro Ventos, unha editorial especializada en temas relacionados co medio ambiente, a economía social e a educación. Estarán tamén presentes a concelleira de Cultura, Natividade González e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens.

“Volver a poñer en marcha os encontros literarios e que desta volta se poidan facer presencialmente é dar un paso máis cara a esa normalidade pola que todos devecemos; ademais estes encontros forman parte da intención das Biblioteca Municipal de Ames de facer medrar a afección lectora dos amesáns e amesás e ofrecerlles a posibilidade de manter contactos estreitos cos escritores e escritoras que len”, manifesta a concelleira de Cultura, Natividade González”.

A seguinte sesión dos “Encontros Literarios” traerá a Ames a  Emma Pedreira que presentará a súa última obra Os libros que hai en min publicado pola editora Cuarto de Inverno. Unha obra chea de humor, amor, anécdotas, digresións e libros que a autora nos contextualizará. Posteriormente estarán en Ames Alfredo Conde e Xosé Luis Santos Cabanas, entre outros e outras autoras.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Os Encontros Literarios volverán á biblioteca con Lladó o xoves"

Cartza Salvador LLadó