Solapas principales

A Biblioteca Municipal de Ames realizou 5.440 préstamos no que vai de ano

Jueves, 05 de noviembre de 2020

Vento Ferido de “Carlos Casares”, na categoría de narrativa en galego para adultos, e “Cinco minutiños máis” de Marta Altés, na de narrativa infantil, foron os libros máis solicitados polos usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal de Ames desde o 1 de xaneiro até o 31 de outubro de 2020. Ademais, no mesmo período, 229 adultos e 106 nenos e nenas solicitaron darse de alta neste servizo municipal. O persoal da biblioteca segue a realizar os habituais eventos de animación á lectura e cando as circunstancias sanitarias o requiren traspasa esas actividades á rede para que poidan ser desfrutadas, sen limitación de aforo, por un número maior de persoas. Na actualidade, a biblioteca de Ames conta con 8.786 socios e socias.

Esta semana, as instalacións da biblioteca en Bertamiráns están pechadas por obras. Porén a sala de estudo do Milladoiro cubre todas as tardes as prazas dispoñibles que quedan despois de aplicar a limitación de aforo que ditan as normas sanitarias de loita contra a pandemia da COVID19. Os servizos de orientación, préstamo e devolucións, seguen funcionando a pleno rendemento. Para Natividade González, concelleira de Cultura e responsable do departamento,“este feito denota a necesidade dunha aposta forte polas nosos espazos, bibliotecas e salas de estudo, o acondicionamento para o mellor uso e desfrute dos usuarios e usuarias destes servizos municipais”.

Un período atípico

Este ano vai romper á baixa a estatística de usos e servizos de todas as bibliotecas de Galicia, incluída a Ames. Os meses de confinamento, a redución de aforo e as limitación á realización de actividades provocan que os servizos non se poidan realizar con total normalidade. O persoal das bibliotecas palia estas eivas utilizando as redes sociais para moitos dos eventos de animación que o departamento realiza decotío. As cifras falan por si soas e traducen o interese que a veciñanza amesá segue a ter no servizo. No que vai de ano realizáronse 5.440 préstamos de documentos: libros, películas e música. Ademais, até o 31 de outubro, fixéronse socias da biblioteca 229 persoas de máis de 14 anos e 109 de menos.

Os libros para adultos en galego máis solicitados neste período foron: “Vento ferido” de Carlos Casares e a tradución de “Tres días e unha vida” de Pierre Lemaitre. En castelán, Dolores Redondo acadou as mellores cifras con “La cara norte del corazón” e “Todo esto te daré”. A rapazada decantouse por “Cinco minutiños máis” de Marta Altés e “Á mesa” de Alice Le Hénand, en galego, e “Diario de greg” de Jeff Kinney e “Mortadelo y Filemón” de Ibáñez, en castelán.

Nestes dez meses a biblioteca municipal tivo que enfrontarse, como o resto da sociedade, á situación derivada da limitación de servizos e mobilidade o que provocou unha serie de situacións anómalas no funcionamento normal do departamento. Entre os cambios sufridos destaca o peche temporal entre o 15 de marzo e o 18 de maio e a limitación ao acceso e servizos desde o 18 de maio até o 15 de xuño. A actividade renovouse en principio coa devolucións de documentos que estaban prestados desde finais de febreiro. A continuación engadiuse a apertura do servizo de préstamos e despois abríronse as salas co aforo reducido a un terzo da súa capacidade.

Recursos virtuais

Asemade se viron limitadas as actividades de animación á lectura. Porén, desde o mes de abril até mediados de xuño realizáronse semanalmente 3 contacontos virtuais para a rapazada, o que suma 30 vídeos, realizados polas animadoras á lectura que se retransmitiron os luns, mércores e venres a través da páxina de facebook da biblioteca e que aínda seguen accesibles para todas aquelas persoas que os queiran ver.

No mes de abril, a biblioteca celebrou os Días Internacionais do Libro e do Libro infantil. A través das redes sociais os técnicos do departamento, artellaron para os seguidores nas redes un concurso con retos e preguntas sobre autores e obras e xogos para diferentes idades.

Tamén en rede, o 1 de maio, realizouse un recital de poesía no que participaron os autores residentes en Ames: Anna Figueiredo, Charo Pita, Mariña Pérez Rei, Rafa Villar e Carlos Negro. Nesta ocasión, o tamén poeta e veciño de Ames, Diego Horchovski foi o encargado da organización, en colaboración co departamento de bibliotecas.

Durante o mes de maio, e para celebrar as Letras galegas e a homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, as redes sociais da biblioteca publicaron recursos sobre o autor: acceso a páxinas web con información e textos e vídeos sobre a súa vida e a súa obra. Na última semana, o persoal da biblioteca e outros compañeiros e compañeiras de distintos departamentos do concello, ademais de varios concelleiros e concelleiras, prestaron a súa voz para recitar poemas deste autor.

Ademais, durante todo o período, o departamento realizou publicacións sobre recursos culturais que se poden consultar desde a casa: acceso á lectura de textos que están nas redes, e recursos de cine e música. Tamén durante todo este tempo, publicáronse noticias relacionadas coa cultura.

Todas estas publicacións continúan estando accesibles para os seguidores das bibliotecas no Facebook do departamento.

Servizos da Rede de Bibliotecas de Galicia

A Rede de Bibliotecas de Galicia tamén facilitou servizos para a cidadanía. Desta maneira articulouse que os préstamos realizados, e que caducaban durante os meses de confinamento, tivesen automaticamente prorrogado o préstamo até o remate do estado de alarma. Desta maneira facilitouse que non houbese penalización por non devolver os documentos.

Habilitouse o servizo Galicia Le de acceso a recursos electrónicos: libros e películas en formato electrónico. Permitiuse que calquera persoa, fose ou non socia dunha biblioteca pública, puidese rexistrarse para acceder a este servizo. Así foi que nos 3 meses aproximados de confinamento houbo tantos rexistros e usuarios do servizo de GaliciaLe como en todo 2018.

O servizo foi utilizado por 24.000 persoas, das que 9.000, foron novos usuarios durante o período do confinamento e incrementáronse os préstamos nun vinte por cento.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Carlos Casares e Marta Altés foron os autores máis lidos polos amesáns"

El Correo Gallego: "Máis de 5.000 préstamos na Biblioteca Municipal de Ames no que vai de ano"

 

Imaxe da biblioteca de Bertamiráns