[11-08-2016] Non ben rematan as celebracións de verán na parroquia de Agrón que xa da comezo outra das citas festeiras do verán: as festas da Peregrina de Bertamiráns. A comisión de festas da Peregrina leva dende o mes de abril preparando un cartel que inclúe, ao longo desta fin de semana, as misas solemnes, a procesión, a II Festa do Porco á Brasa, o XIII Trofeo de Fútbol “Café Don Budi”, orquestras, unha charanga, pasarrúas, xogos para as crianzas e moitos fogos artificiais. O xornalista e antigo da TVG Xosé Luís Blanco Campaña será o pregoeiro destas festas.
O primeiro día de celebración comeza pola noite. Para entón a comisión de festas e as persoas encargadas de preparar o porco á brasa levarán xa varias horas de traballo ás costas. Pasarán este venres, 12 de agosto, no campo da festa da Peregrina. Alí poderanse adquirir os tickets para a cea da II Festa do Porco á Brasa, que xa se poden mercar nos bares colaboradores. O menú inclúe, ademais do prato que da nome á festa, unha ración de empanada, sobremesa, café e bebidas. Antes de sentarse á mesa a veciñanza poderá seguir o pasarrúas, a cargo da Asociación Folclórica Os Retranqueiros de Ames. Percorrerán Bertamiráns dende as 20:30 horas, rematando no campo da festa cunha actuación de baile. O xornalista Xosé Luís Blanco Campaña protagonizará o pregón destas festas, que terá lugar ás 22:00 horas, como preludio á cea e ao concerto de “Trío Musical Bulback Show”.
O sábado as bombas de palenque substituirán aos despertadores. Ás 10:00 horas toda a veciñanza será chamada a continuar coa celebración destas festas da Peregrina. Os Atrevidos de Barcala serán os encargados de poñer música e baile ao pasarrúas que arrincará despois de que resoe a derradeira bomba. Ás 12:30 horas a igrexa da Peregrina acolle a misa solemne das primeiras comuñóns, trala cal comezará a sesión vermú coa actuación da orquestra Trébol. Xa pola tarde nenas e nenos están convidados a achegarse ao parque da Travesía do Rueiro, onde se situarán unha serie de inchables para xogar entre as 18:00 e as 21:00 horas. Os Atrevidos de Barcala volverán poñerse en marcha para continuar poñendo banda sonora ás rúas amesás a partir das 19:00 horas. Ás 21:00 terán lugar a misa solemne e a procesión de de fachos que partirá da igrexa da Peregrina. As orquestras Trébol e Televisión subiranse ao escenario pola noite, a partir das 22:30 horas, para facer bailar ao público no campo da festa.
O domingo, último día de Festas da Peregrina, virá anunciado de novo polas bombas de palenque. O grupo de gaitas Os Castros será o encargado do pasarrúas desta xornada, que rematará na Praza da Maía cunha actuación de baile. Tamén neste espazo terá lugar o concerto da Banda Municipal de Padrón, que ademais de ofrecer un concerto acompañará a misa solemne e a procesión das 12:30 horas. Unha tirada de fogos de artificio chamará ao público á sesión vermú, que comezará ás 14:00 horas coa actuación da orquestra Alkar. Pola tarde o charanga Tíralle do Aire collerá o relevo dos Castros nun segundo pasarrúas. No campo de fútbol municipal de Bertamiráns, ás 19:30 horas, o Bertamiráns F.C e a división xuvenil de honra do R.C Deportivo da Coruña foron convocados para disputar a XIII edición do Trofeo de fútbol “Café Don Budi”. O remate e broche final destes tres días de música, gastronomía e deporte porao a música das orquestras Alkar e Armonía Show.
As festas na honra da Virxe da Peregrina lévanse celebrando máis de dous séculos en Bertamiráns, remontándose a súa orixe a finais do século XVIII. A súa popularidade ao longo do século XX, no que se crea a confraría da Virxe da Peregrina, quedou plasmada a través de numerosas fotografías. Retratos en branco e negro ou a cor que testemuñan a colaboración e participación de toda a veciñanza, que cada segundo fin de semana de agosto xuntábase para celebrar as festas da súa patroa. As fotografías pódense contemplar na revista que este ano editou a Comisión de Festas da Virxe da Peregrina, e que foron cedidas pola propia confraría amesá.
Contido relacionado
La Voz de Galicia:"Santiago y sus comarcas celebran el fin de semana más festivo del año"
La Voz de Galicia:"Bertamiráns abre sus tres días de fiesta con Porco á Brasa"
El Correo Gallego:"Devoción en Bertamiráns y nueva anda para la Virxe da Peregrina"